Opinión

O voto e mais nós

A xornada de reflexión deixa un pouso de soidade no vértice da conciencia. Pasados os días das análises, dos faladoiros, dos debates, de quen nos fala e de quen fala por nós, fomos quedando sós, o mar, o barco e mais nós.

Penso no poema de Manuel Antonio e inevitablemente penso no roubado, por acción ou omisión, nun tempo demasiado longo. Roubáronnos o sol, ou o dereito a habitar o futuro; o paquebote esmaltado, ou a canle da verdade; o vento, e o monte e a paisaxe.

Mais neste mar de incertezas non hai barco fondeado nin singradura a sotavento. Non hai morte e cadaleito e non o haberá, pase o que pase mañá. Asomámonos a un tempo novo cunha inesperada ilusión. Vemos a luz e a dignidade dun pobo, malia as interpretacións erradas do que somos. Así, ata hoxe, fomos ficando sós, o noso voto e mais nós. Na soidade indómita do vento nas velas.

Comentarios