Opinión

O que é de todas

Aprimeira vez que escoitei a frase que di que o feminismo é a idea revolucionaria de que as mulleres somos seres humanos pensei en Rosa Maria Calaf. Naquel tempo tiña a honra de tela como profesora de xornalismo internacional e de escoitar como reivindicaba o noso sitio nun espazo público que, a pesar de lle pertencer a todo o mundo, permanecía (e permanece) eminentemente masculinizado. No que, aínda existindo, somos relegadas a un eido doméstico tan necesario para que o mundo funcione como ingrato, opaco e limitador.

Calaf, voz e imaxe de innumerables crónicas internacionais en Televisión Española, autora dunha insólita reportaxe dende a inaccesible Corea do Norte en 2001, revisitouse a si mesma cando tiña 25 anos no foro "As mulleres que opinan son perigosas". No vídeo da súa entrevista como candidata a entrar na canle pública, o recrutador pregúntalle que pode aportar unha muller á información que non poida aportar un home. E ela, unha muller nova e progresista en pleno franquismo, serena e segura tras as súas lentes hexagonais, contesta sen vacilar que a visión feminina é necesaria.

Cincuenta e dous anos despois, a veterana xornalista ri ao revisitar aquel momento, mais non modifica unha palabra do seu discurso. Esta vez, as preguntas son da compañeira Susana Pedreira, o Estado é democrático e o ámbito amable e feminista, mais ela insiste, porque sabe que non nos podemos permitir dar un paso atrás. "A mirada feminina non é nin mellor nin peor, permite que vexamos a totalidade do mundo e que acabemos cos silencios atronadores", afirma Rosa Maria Calaf mentres celebra o aumento de reporteiras nos conflitos e enxalza as mulleres que "logran que non colapse absolutamente todo" cando, no medio da devastación, cargan nos ombros coa vida cotiá.

Calaf, tan mestra que alá onde vai sempre escoita, menciona ás mulleres xaponesas, ás arxentinas represariadas, ás compañeiras de profesión e ás relatoras do foro que interviñeron antes ca ela. Calaf, a muller que viviu unha vida de país en país, continúa hoxe un labor de aula en aula, de palestra en palestra, sen esquecer o impulso que a fixo irromper nun casting de homes, nunha televisión de homes e nun mundo de homes. Porque Calaf, mestra e referente imprescindible para moitas que medramos véndoa na pantalla, non veu a Pontevedra a falar de cousas de mulleres, senón a lembrarnos que o que é do mundo, é de todas.

Comentarios