Opinión

O fondo do mar

As nenas saharauís tiñan medo do fondo do mar. Non do mar, senón do fondo. Tiñamos 9, 10 e 11 anos e xogabamos a saltar as ondas nunha praia bergantiñá, pero temiámoslle ao mar de forma diferente. Se nós tremiamos coa idea do bater da auga, o corpo refregando pola area e ese pensamento no mergullo “e se nunca podo saír?”, a elas causáballes terror un cemiterio profundo e escuro que para nós aínda era descoñecido. No noso mar, os corpos desaparecidos rara vez quedaban ser saír á superficie e, se o facían, a historia acotío tornaba en mito.

A desaparición do somerxible Titán na inmensidade do océano Atlántico fixo aflorar numerosas infografías dos fondos mariños. Nunha delas, en vídeo e a escala, pódense ver as profundidades de todos os mares e océanos do mundo. Dos 14 metros do mar de Azov, na península de Crimea, aos 11.000 do Pacífico, o tránsito vainos levando chanzos abaixo nunha contorna de auga onde a escuridade e a nada medran coa fondura. Compárase a profundidade coas lonxitudes da Torre Eiffel, a Estatua da Liberdade ou algunhas das plataformas petrolíferas máis grandes do mundo, que van tornando insignificantes fronte ás impoñentes masas de auga do Ártico, o Índico ou o Mediterráneo. Leo unha estimación que di que, se o océano fose completamente transparente e puidésemos ver o fondo, o Titanic, afundido a 3.700 metros, percibiríase do tamaño dunha mazá. 

Mentres un amplo dispositivo busca sen descanso as cinco persoas que trataban de chegar ás ruínas do transatlántico para velo, previo e xeneroso pago, a través dunha pantalla, creo entender por fin o terror que sentían aquelas nenas saharauís ante a idea do fondo do mar. Mais sei, nese mesmo instante, que non sei nada de terrores mariños. O meu propio arrepío xorde de súpeto como o golpe dunha onda cando, entre as imaxes da busca do Titán que se suceden en bucle na pantalla, algo me fai lembrar as 500 persoas migrantes que seguen desaparecidas fronte ás costas gregas. En que momento quedou atrás ese naufraxio que aconteceu hai menos de dez días? Cando deixamos que os recursos, as prioridades e a economía da atención funcionen de xeito distinto pola vida de quen visita un cemiterio mariño por turismo e pola de quen o atravesa para sobrevivir? Canto tempo máis teñen que vivir as nenas con medo ao fondo do mar? O fondo do mar é un cemiterio de barcos e persoas onde os barcos acaparan toda atención.

Comentarios