Opinión

Imposible facelo peor

A unha beira do teléfono está a voz de alarma e, á outra, un muro de fume. Comandando as redes están as entidades ecoloxistas e, ao outro lado da pantalla, a xente. Detrás do micrófono está a prensa e, á fronte, o persoal afectado pola marea de pellets, nurdles ou granulado, como tamén apresurou a apuntar a Real Academia Galega.

Nun lado da praia están as voluntarias, e na outra, o persoal enviado pola Xunta. Mais estes últimos non se tocan, non conflúen, case non interactúan. Pegado aos rostros do persoal da empresa, un equipo enviado pola CRTVG grava e marcha. O persoal tamén. Na central onde se procesa o vídeo, a dignidade do xornalismo denuncia un novo culto á manipulación e a mentira.

Malia non estar planificado, todo despropósito ten a súa cronoloxía. Primeiro foi a demora, despois a negación, máis tarde a improvisación, logo o desprezo a quen traballa na area e ata o símil escatolóxico do que entra e o que sae. Finalmente a exasperación de quen fai preguntas, ao presidente, á conselleira de Medio Ambiente, ao conselleiro do Mar. Se a Xunta de Galicia fose un trastorno, sería o narcisista. E o narcisismo no que vive acomodado o Goberno galego fai agromar o abraio, a estupefacción, o cello indignado de quen se deslomba mentres as costas galegas se tinguen de plástico, outro plástico, máis plástico. Contaminante, si. E tóxico, tamén.

As inscricións que acreditan a presenza de aditivos tóxicos nos sacos de pellets estiveron sempre aí, pero a Xunta optou por abrir o argumento da toxicidade. O protocolo de actuación para a intervención estatal estivo sempre aí, pero a Xunta resistiuse a activar o nivel 2 de alerta ata o último momento. A pregunta sobre a demora ía estar aí, con toda seguridade, pero a Xunta, aferrada ao ego e á liorta partidista, non tiña preparada a resposta.

Por non falar da cuestión sobre a lista de necesidades a remitir a Madrid, á que a conselleira respondeu cun triplo bucle para dicir, ao seu xeito, que non. Menos de vinte e catro horas despois apareceu unha solicitude de sete lanchas, catro barcos, dous helicópteros e un robot submarino. A casualidade quixo que o mesmo día que Alfonso Rueda convocou as eleccións galegas á Xunta recibira a primeira chamada de aviso de pellets por parte do Estado. Pero o Goberno de Galicia decidiu enterrar o que se ía converter no seu problema máis vivo. Como todos os narcisistas, é imposible facelo peor.

Comentarios