Opinión

Garfos e elefantes

Para aquelas que tendemos a ter a mente sempre aberta á brincadeira, as palabras "gran tenedor" evocan unha figura divertida. Unha vez que se debuxa, o garfo xigante con ollos, nariz e boca invade o córtex cerebral e vai penetrando ata provocar unha gargallada espontánea, instantánea e inevitable. Pero o certo é que esa expresión que atopamos ultimamente con tanta frecuencia na prensa non ten ningunha graza. O certo é que o garfo xigante obxecto de tantos chistes era, ata hoxe, unha persoa física ou xurídica propietaria de máis de 10 vivendas. Coa nova Lei de Vivenda que se acaba de aprobar no Congreso, a cifra queda rebaixada a 5. Os dez elefantes que se balanceaban na corda que nos afoga o salario cada mes pasan a ser cinco. E está ben, porque menos é nada, e nada é acabar todas na rúa ou ter que regresar á casa familiar. 

Falta ver que vai pasar a partir de agora cos prezos, coa definición de zona tensionada, cos contratos de temporada e coa tendencia inflacionista de todo canto nos rodea. Porque, tal como apuntan diversas voces expertas na materia, a nova lexislación, que tamén fixa un tope aos prezos, supón un regulamento descafeinado con eivas importantes que non impedirían que os alugueiros continúen subindo.

A vivenda, ese elefante na habitación que gozou durante anos da protección dos defensores do argumento de que non somos Madrid nin Barcelona nin vivimos do, por e para o turismo, espertou en cada cidade galega en forma de desbandada. Detrás dos pequenos propietarios que xogaban ao Monopoly, dos okupas nas portadas dos xornais, das compañías de alarmas que conseguiron poñer o adhesivo nas fachadas e das cláusulas de dubidosa legalidade que as inmobiliarias foron introducindo nos contratos, descubrimos á fin que si, había negocio. Descubrimos os nosos ex-pisos en Idealista 100 euros máis caros. Descubrímonos a nós mesmas pensando en volver convivir con outras persoas porque o soldo non nos dá para asumir soas unha renda.

O problema das desbandadas é que arrasan con todo o que atopan ao seu paso, e o tope aos prezos que establece a nova lei dificilmente vai poder arranxar a desfeita que, dende hai uns anos, disparou os alugueiros e converteu pisos de 80 metros cadrados en estudios de 30 que cotizan cada metro cadrado coma se fose de ouro. A vantaxe de todo isto é que comezamos a pórlles cara aos garfos e os elefantes.

Comentarios