Opinión

Galicia en tren

Como cada domingo, Elvira érgueuse ben cedo para tomar o tren a Vigo dende Valença do Minho. Séntese segura esta vez. Dende a entrada en vigor dos bonos gratuítos estivo semanas sen pasar a fin de semana na casa que ten no norte de Portugal, a única pertenza que lle quedou, onde é plenamente feliz malia non poder permitirse ter auga nin luz. Como eficaz revulsivo á ilusión pola gratuidade, descubriu que, dun mes en diante, non quedaban prazas para ir dende Compostela, onde traballa, ata Vigo, e tomar alí o enlace a Portugal. Agora que por fin ten varias viaxes reservadas está tranquila. Poderá ir cada venres despois de rematar a xornada no seu segundo traballo. Poderá aforrar uns cartos para o Nadal e mercar algúns agasallos para os seus netos. Poderá chegar a tempo ao choio os luns sen que ninguén lle ocupe o asento.

Hoxe o convoi que debía levala de volta a Vigo vai con retraso. Elvira toma alento, pregunta e confirma os seus temores: non chegará a tempo para tomar o tren a Compostela. Non está en terra galega, non ten a aplicación de Renfe nin sabe como usala, polo que tampouco pode anular o billete. Fai un par de chamadas. Non hai máis prazas dispoñibles para viaxar hoxe a Santiago. Quedará en Portugal e non poderá presentarse mañá a primeira hora no traballo.

Antón vive en Ourense e traballa na Coruña. Tras facer sisudos cálculos no seu axustado presuposto millennial, hai meses que decidiu dar o paso: tras acadar un acordo coa empresa para combinar días de presencialidade e teletraballo, mudouse canda a súa parella á cidade das burgas. O bono saíalle por un ollo da cara, pero vendo os elevados prezos da gasolina concluíu que lle compensaba. Tras o desgusto inicial, recibiu cunha festa a decisión de estender a gratuidade dos bonos aos trens Avant. A festa durou ben pouco. Antón entra na aplicación cada día de xeito compulsivo e co estómago encollido para reservar todos os billetes que lle permitan conciliar a súa vida persoal e laboral. Cando cambia de plans, cancela a reserva. Lamenta que non todo o mundo faga o mesmo.

Uxía vive en Lugo e leva moitos anos sendo usuaria habitual do autobús. Colleu tantos que conseguiu desenvolver a capacidade de ler durante os traxectos sen marearse. Devora libros mentres atravesa o país de punta a punta. Agora está co poemario de María Reimóndez Galicia en bus. Ás veces ve de lonxe algún tren pasando polas vías.

Comentarios