Opinión

É unha trampa

Subscribinme a unha plataforma de vídeo coa única finalidade de revisitar os filmes que vía cando era pequena. Foi unha desas ideas que se executan por impulso, sen dilema e sen culpa, cando nos sentimos ben na casa e decidimos concedernos un tempo para nós. Hai moito que ese tempo para min vai quedando esmagado pola axenda e o calendario, e quizais por iso aproveitei o arrouto para visualizar, unha detrás de outra, aquelas historias infantís que me prestaban cando era unha nena.

Como acontece con moitas das cousas que fago sen saber moi ben por que, cando ía pola terceira película comecei a facer reflexións. A primeira, que levo máis anos de vida sendo unha adulta (ou aparentando selo) ca unha cativa, e que tiven que soprar moitas candeas para chegar a sentir nostalxia pola que un día fun. A segunda, que non hai ningún motivo para seguir ignorando todas esas películas de debuxos animados que xamais cheguei a ver porque xa era demasiado adulta para facelo.

A terceira, que nalgún momento das nosas vidas alguén nos convenceu de que deixar atrás o triciclo e rendernos, como canta Serrat, ao horario e os costumes era unha boa idea. Que podemos mirar as crianzas por riba do ombro, negarnos a compartir espazo con elas e tratar de vivir como se non existiran. Coma se aquela curiosidade e aquel sentido da xustiza nunca tivesen cabida en nós. 

Eu declárome en rebeldía. Sinto unha necesidade estraña de reconectar con moitas cousas que me facían feliz nun tempo que sei que non vai volver; por se, no que dura ese intre de ensimesmamento na longametraxe (ou nun libro ou nun lugar), ese tempo, efectivamente, volve. Nunca o fai, pero eu regreso á nena que fun, á nenez privilexiada que tiven, e a min váleme. Non é un acto de inmadurez, nin de simple nostalxia, senón de respecto á infancia.

Conservo dende hai anos unha imaxe descargada da Internet que se converteu nunha das miñas favoritas para sempre: un neno coa capucha da chaqueta ben calzada na cabeza pon cara de enfurruñado, mentres na marxe inferior resalta o seguinte texto: “Non medres. É unha trampa”. Eu perdín a inocencia dúas veces: o día que me convertín nunha adulta e o día que comecei a sentir saudade da nena que fun. Esa que, faga o que faga ao longo da miña vida, sempre vai ser moito mellor en todo.

Comentarios