Opinión

Detrás das uñas

Viviana aténdeme como sempre, na mesa de sempre e coa amabilidade de sempre. Mentres cavilo en se me terá en conta que hai meses que non vou por alí, ela colle a lima, toma a miña man con delicadeza, sorrí e pregúntame, como se non pasase o tempo, que tal me vai todo. Continúa a sorrir mesmo cando lle ensino a pel deshidratada, as uñas mordidas e as cutículas a monte. Nun ritual cotián, estudado e medido, pregúntame sen finxido interese como levo o dó. Ela sabe, mellor que moitas persoas da miña contorna, que hai uns meses perdín á miña avoa e ao meu avó, e que todo o antes, o durante e o despois foi extremadamente difícil. E eu tamén sei o moito que ela me entende, aínda que non todas as que acoden ao centro de estética coñecen a súa historia.

Cando perdeu o seu pai despois dunha longa enfermidade, para Viviana abriuse unha tempada moito máis complicada. Ela non puido coller os días de permiso que eu collín. Tampouco se puido permitir unha baixa porque o negocio non se ten en pé só. Cada día da súa vida durante os anos que seguiron a aquela morte, mentres lima, corta, mide, pinta, seca, debuxa e pole, revive as lembranzas da súa vida en Venezuela, o gran cambio que lle supuxo o retorno dos seus pais a unha terra que ela non coñecía, a mágoa polos estudos que aquí nunca lle serviron para exercer, os empregos precarios en franquías ata que puido montar o seu propio negocio. A dor articular. A cota de autónomos. Os números vermellos. As remontadas, con moito sacrificio e a axuda dun marido que vive menos na terra que no mar. O tempo e o diñeiro perdidos polas citas de clientas que nin acoden nin anulan. Os desprezos sufridos e, en resposta, o seu silencio cordial. A historia de Viviana non é moi distinta da de Patricia, Gabriela, Celeste e Cris, todas profesionais dun sector en auxe, perfectas no seu labor, impecables para que as demais nos sintamos escoitadas, reconfortadas, guapas e poderosas. Aínda que case non as escoitemos a elas.

Gustaríame saber que opina Viviana sobre o repentino foco de atención mediática sobre as nosas uñas e a foto da Ministra de Traballo facendo a pedicura. Se cre que sería das clientas que se interesan pola súa vida ou das que son felices contándose a si mesmas. Se somos clasistas, hipócritas e banais. Que pensaría se alguén, nalgún intre, no canto de mirar para os dedos da ministra, mirase na súa vida laboral. Heillo preguntar.

Comentarios