Opinión

Desafiuzadas

Hai unha pantasma na película En los márgenes, dirixida por Juan Diego Botto e co-guionizada coa xornalista Olga Rodríguez. Vémola transitando as rúas, facendo recados, observando en silencio a multitude que protesta diante da sucursal bancaria con camisetas e pancartas de Stop Desahucios, para emprender de novo o camiño de volta ao niño das ausencias. Alí, na casa que un día hospedou unha familia feliz, sostén con resignada esperanza un teléfono de plástico estragado polo tempo mentres espera coa orella pegada ao auricular. Hai nove díxitos escritos a man nun papel pegado con cinta adhesiva; é o número de móbil dun interlocutor que nunca responde. Pero ela continúa insistindo, transita o camiño nómade do seu espírito atormentado e enche as copas dos que xa non están nunha mesa onde as pantasmas son outras. Porque ata as ánimas que vagan soas adoecen das súas ausentes.

Sen que poidamos evitalo, a pantasma métesenos no corpo practicamente dende o inicio do filme e acompáñanos durante varias horas, ou varios días, ou varias semanas. Esta non é unha historia de vidas e mortes, senón de mortes en vida, co lategazo brutal dos desafiuzamentos como pano de fondo e a alta dose de realidade que nos revolve as vísceras. Tampouco é unha película centrada nos desafiuzamentos tal como os entendemos. Os furgóns policiais, a resistencia na porta, os golpes de porra, aparecen só un instante, como os fotogramas finais da crónica dunha violencia anunciada despois dunha hora e media de desaloxo emocional.

Cómpre ter moita enteireza para erguerse cada día coa etiqueta de paria na fronte, duchala con auga fría, paseala polos barrios e os empregos precarios de escravitude encuberta, mirar nos ollos de quen amamos e confrontar a frustración, o medo e a tristura que fornecen o peso do letreiro. Lidar coa culpa, vencer a vergoña, confiar nas que remendan as costuras rotas do sistema para autoconvencernos de que hai alguén máis aí para combater a Goliat e a súa ollada de desprezo. Hai que coller forza de onde non a hai porque é necesaria ata para obter unhas pílulas máis na farmacia. 

Como cando nos aprenderon a escribir na escola, o risco de caer nas marxes está sempre aí, a uns milímetros de distancia, mentres libramos unha batalla contra o invisible, presente nesa pantasma silenciosa coa que nos cruzamos todos os días pola rúa. Estamos desafiuzadas moito antes de que nos boten.

Comentarios