Opinión

Coitados

Existe un aquel de tenrura nas persoas que estes días se manifestan ás portas da sede do PSOE na madrileña rúa Ferraz. Imaxínoos na casa, mandas de homes brancos heterosexuais fronte ao espello, enfundados nas súas bandeiras pre ou post constitucionais, dependendo da caste que os arrolou, pensando que a simple indumentaria os avalaba ante as forzas da orde e tamén, por que non, ante o sistema solar. Imaxínoas tamén a elas, malia seren a minoría absoluta da turba, coa confianza nun futuro que recupere o cheiro do pasado augas turbias no que lles ensinaron a nadar.

Esa inocencia de quen confían en que a súa ideoloxía é a que vale, a luz verde para todo, diante dunha Policía que ten que facer, mal que lle pese, o seu traballo, fainos rir. É a constatación do monstro que a dereita foi creando mentres outra sociedade daba pasos adiante. Unha criatura creada para frear calquera avance que nos faga pensar que, ademais de poder votar, podiamos cambiar máis cousas. Que podemos ser diversas, libres, camioneiras, desviadas, ecoloxistas, bilingües e trilingües e autosuficientes, enerxética e administrativamente.

Saben que durante moitos anos fomos outras as que estivemos nas rúas correndo diante das forzas da orde, cos ollos irritados polo gas lacrimóxeno, algunhas sen ollo polo impacto dunha pelota de goma, con queimaduras de porra na pel e carreiras de fondo para escapar das barricadas de contedor queimado ou do que for que tivésemos detrás. Moitos daqueles que hoxe se miran ao espello cos seus símbolos de naftalina e saen á rúa coma se sempre fose deles quedaron na casa todas aquelas veces pensando que mereciamos a represión. Instigados polos líderes de sempre, sinaláronnos polo material urbano feito anacos, a violencia dos exaltados e as consignas fóra de lugar.

E agora eles, malia estaren máis detrás que diante da Policía, malia os límites que cruzan ante as cámaras de televisión sen demasiadas consecuencias, ven actuar as forzas da orde que crían súas e non entenden nada. "Tenéis que defendernos. Tenéis que defender la nación!", berran cos efectivos nunha digna escena de Berlanga ou dos Monty Python (grazas, compañeiras Marta Corral e Patricia Hermida por rescatar o humor ante o sen sentido). Algo debeu pasar na sociedade mentres eles nos vían dende o sofá pensando que eles son a nación, unha soa nación. Coitados.

Comentarios