Opinión

Carta branca a Gilead

Quen presume de non ter lido nunca unha revista do corazón recibirá con inusitada sorpresa a imaxe dantesca de Ana Obregón saíndo aos seus 68 anos dunha clínica de Miami en cadeira de rodas coa bebé que acaba de mercar. No outro lado, aínda que non libres do horror ante a aberrante fotografía, estamos o resto. Quen si coñecemos os editoriais e as exclusivas de tacto de cera do papel couché asistimos outra vez á normalización dun negocio que explota reprodutivamente as mulleres con escasos recursos e pon coto aos dereitos dunhas crianzas que veñen ao mundo baixo a premisa principal de satisfacer un desexo.

Un negocio que saca peito e semella querernos refregar pola cara que todo ten un prezo –para quen poida pagalo– e que as persoas non somos a excepción da regra nun mundo que, cada vez máis, funciona coma un supermercado.

A lexitimación que dende hai anos se leva facendo nos medios de comunicación dos mal chamados ventres de aluguer, unha expresión creada para agochar que detrás hai mulleres vulnerables coa súa liberdade esmagada, foi entrando en pequenas doses con Ricky Martin, as Kardashian, a baronesa Thyssen, Cristiano Ronaldo, Robert de Niro, Elton John ou Miguel Bosé. Este último chegou a renegar da paternidade da metade dos catro nenos que adquiriu ao separarse da súa parella, como se fai cos bens materiais.

A ignominia de Obregón, retratada a golpe de exclusiva como se fose ela quen acaba de parir, lembra ao terrorífico Gilead que trazou Margaret Atwood n’O conto da criada.

A mesma que nos conmocionou cando perdeu o fillo a causa dun cancro en 2020, celebra agora que "xa nunca" volverá "estar soa". E o discurso nos medios, que non son alleos á controversia, acolle o falso debate sobre se ter crianzas é ou non é un dereito. O Partido Popular, oportunista, pero non moito, decide abrirse a regular a adquisición de bebés sen prestación económica (que é un dos puntos clave da cuestión), e o Goberno, tallante, pero tampouco moito, rexeita con contundencia unha práctica prohibida en España mentres permite a inscrición destas crianzas no rexistro.

Se de verdade imos acoller un debate sobre a mercantilización de bebés, é hora de poñermos enriba da mesa que hai detrás deste negocio para as mulleres e para as crianzas que traen ao mundo para outros. Porque o dereito á información si existe, e témolo, todo, a saber se lle estamos a dar carta branca a Gilead.

Comentarios