Opinión

Batallas

Esa nena ten as fazulas encarnadas, pero non sabe se por cousa da natureza ou polas veces que os seus familiares lle tiran delas. Non acaba de gustarlle o que fan coas súas prominencias e decote fantasía con arrincalas. Ás veces, coa roupa de verán, quédanlle mirando para as pernas con desaprobación, como se fose un obxecto de museo e non estivese realmente alí. Séntese como a rapaza do cadro de Botero que hai na entrada daquel restaurante, e comeza a dubidar se o seu corpo é realmente válido. Vale para correr, para nadar no mar, para montar en bici, mais non sabe se ten valor baixo a ollada de quen o mira. A nena soña entón con ser maior e ter cintura, pernas firmes e cabelo longo. Quere parecerse ás mozas que ve na televisión porque cre que coa idade adulta rematará o pesadelo: non hai mulleres gordas no equipo de socorristas de Mitch Buchannon. Aínda non sabe que o que lle espera na adolescencia vai ser aínda peor.

O propio corpo é a maior batalla á que nos enfrontamos nas nosas vidas. Comeza no círculo de afectos das persoas que queremos e vai aderezándose con portadas de revista, referentes na pantalla e pantalóns que non soben dos xeonllos baixo o foco dun probador. As da miña xeración medramos con Kate Moss, Victoria Beckham, as xemelgas Olsen e Nicole Richie. Rose, de Titanic, estaba gorda; Sabrina (Cousas de bruxas) estaba gorda; Bridget Jones estaba gorda; America Ferrera (Ugly Betty) estaba gorda. Ninguén chamou gordo a Jesús Gil cando apareceu metido nun jacuzzi rodeado de mulleres 90-60-90; tampouco ninguén reparou no corpo de C. Tangana cando recentemente repetiu a escena nun iate. É o canon que se foi cociñando para nós, mentres outras medraron antes con modelos de corpos perfectos nos que tampouco acababan de verse representadas.

É lóxico que unha campaña gobernamental de corpos femininos diversos na praia triunfe porque para as que medramos baixo a lupa constante non é necesario ter sobrepeso, sesenta anos ou unha mastectomía para sentirnos máis representadas por unha muller fóra da norma que por unha do papel couché. Por iso tampouco nos custa censurar a mesma campaña cando descubrimos que as imaxes desas mulleres foron utilizadas e manipuladas sen permiso. Quizais todo isto explica por que seguimos coa batalla dos corpos mentres eles están coa da gravata.

Comentarios