Opinión

Barullos e silencios

A Andrea segoulle a vida presuntamente a súa ex parella en Ribeira e hoxe contámola como a primeira vítima mortal de violencia de xénero en Galicia no que vai de ano. Que importantes son os adxectivos, porque a realidade no noso país é moito máis dura cando pensamos nas que sofren o maltrato mentres están vivas. Ata hai tres días Andrea era unha delas.

As cifras oficiais sinalan que máis de vinte galegas sofren violencia machista cada día. Son os números que logran asomar polo vértice dun monstruoso iceberg. Todo o que está debaixo, a estrutura arrepiante de milleiros de vidas atormentadas, vive soterrado polas frías augas do silencio. O mesmo silencio que, xunto co barullo do cuestionamento, o negacionismo, a desinformación e a mala información, alimenta o monstro e desampara as vítimas.

Nun alarde da peor deontoloxía, algúns medios de comunicación compartiron todos os detalles sobre a moza de 25 anos que o día anterior se despedira das súas compañeiras de traballo para nunca máis volver. A súa casa, fotos co seu verdugo, a súa empresa, o seu contorno máis próximo e tamén o que pensa quen xamais formou parte del. Mais seguimos botando en falta, as que tanto o solicitamos, as voces expertas que aportan pedagoxía e contexto a tanta violencia, algo moitas veces tan sinxelo como marcar o número do Centro de Información ás Mulleres máis próximo.

Non vale de escusa nin de consolo, pero os medios non sempre caen na mala práctica por acción, senón por reprodución do que reciben por parte das fontes policiais. Das forzas de seguridade que están destinadas a protexernos e que, en moitos casos, nin sequera teñen interiorizada a perspectiva igualitaria máis básica nas súas comunicacións. Outra materia pendente, outra posible resposta á pregunta de que é o que falla. Como os protocolos de protección. Como o secundario na axenda. Como quen pode pagar sen esforzo a fianza da súa condena por agresión sexual.

Con frecuencia, tanta información de golpe sobre unha vítima de violencia de xénero cando é asasinada non bate contra o iceberg do maltrato, senón que pon de manifesto o silencio inducido que reinou mentres estaba viva. Un silencio que adoita perdurar nas persoas achegadas co lastre da perda e da culpa, coa conciencia da impotencia e o desamparo, coa pregunta para sempre na fronte. A nosa condena é vivir nesta dicotomía brutal de barullos e silencios.

Comentarios