Opinión

Barbie-perrencha

Son unha desas persoas que foron ver Barbie vestida de rosa. Non teño intención de agochalo, como tampouco a tiven a resistirme a esa tendencia xeneralizada ao uniformismo fandom de quen acode ao cine non só por ver cine, senón por saber de que vai a proposta da directora Greta Gerwig que está a levantar tanta indignación entre moitos homes. Non fun a única que optou pola indumentaria rosa, e non por unha concesión ao sistema capitalista –e, se así fose que pasa cos jedis?–, senón por darlles nos fociños a quen, coa perrencha enarborada e o ton paternalista, nos acusan de facerlle o xogo á industria, a quen fai negocio co discurso feminista e ao lavado de cara a Mattel. Tres por un, señoras, que hai que explicárnolo todo porque non nos decatamos de nada.

Todo iso tan criticable de Barbie semella que nunca antes estivo presente en ningunha das innumerables cintas que apelan á masculinidade máis estereotípica. Pero a eles non fai falta que ninguén llelo explique, e moito menos que se lles recrimine, porque entran e saen das salas coa perspicacia ao quite e a conciencia impoluta. E, cando non é así e van ao cine simplemente para divertirse e deixar os miolos na casa –un costume que debería estar recollido en todas as cartas mundiais dos dereitos humanos–, sempre haberá alguén aí para dicir que non é o mesmo.

Despois de ver o filme, a perrencha fundamentalmente masculina a conta da película é aínda máis entendible. Porque Barbie é moito máis que unha oda ao capitalismo e un lavado de cara co xabón do feminismo. Barbie é unha apelación directa ao patriarcado, e emprega a palabra maldita en múltiples ocasións para sinalarnos o ridículos e ridículas que podemos chegar a ser baixo a predominancia dun sistema que, a unhas máis que a outros, pero a todas, ao fin e ao cabo, nos rouba o aire. Porque Ken quere ser, mais cando é, afoga. Porque Barbie é, pero afunde ao pensar que nunca será suficiente. A falta de comprensión desta mensaxe denota unha carencia teórica moi elemental; e a falta de diversión ante as moitas escenas para escachar coa risa, unha gran fraxilidade.

Barbie non é unha película para crianzas, aínda que as salas de cine estean ateigadas deles. No clímax ao que conduce a cinta, un neno duns oito anos comezou a berrarlle á pantalla. Na súa defensa direi que non semellaba moi diferente a moitos homes adultos coa súa Barbie-perrencha.

Comentarios