Opinión

Bágoas de serea

Aos pés do Monte Louro repousan bágoas de serea. E ata aquí a bonita metáfora, porque non hai figuras mitolóxicas chorando nin lendas antigas nin desamores. O que realmente hai nos areais da ría de Muros e Noia  –tamén en Porto do Son, Queiruga e Corrubedo– son pellets ou nurdles, pequenas bolas de plástico altamente contaminantes que, segundo denuncia o colectivo Noia Limpa, comezaron a aparecer o pasado 13 de decembro desprendidos dalgún barco de mercadorías. Tamén foron avistados na costa mariñá e cántabra, aínda que descoñecemos aínda se a procedencia é a mesma.

As bágoas de serea, chamadas así pola súa forma redondeada e unha cor branca case transparente, empréganse para a fabricación de produtos plásticos e supoñen un serio problema para o medio ambiente. Son tóxicas por si mesmas, pero ademais absorben outro tipo de toxinas, e son devoradas por animais mariños que as confunden con ovos de peixe. Segundo os datos máis recentes do Miteco, supoñen o segundo tipo de microplástico máis frecuente nas costas españolas, mais son tamén o segundo máis presente nos océanos a nivel mundial. Namentres, a fabricación de plástico aumenta arredor dun 8% cada ano.

A esta hora hai ducias de testemuños do acontecido nas nosas costas a través das redes sociais, en pequenos medios dixitais e nalgún xornal de ámbito local, aínda con graves evidencias como os máis de 50 sacos enteiros que apareceron nalgunhas praias, e que levan o nome da empresa polaca Bedeko Europe. Todo apunta a que se trata dun desprendemento de mercadoría dun buque e non dunha vertedura intencionada, mais moita xente pregúntase como é posible tanta desprevención. Eu tamén mo pregunto.

Se a proliferación de pellets nas costas da Península Ibérica é ben notable dende hai un tempo, para o groso da poboación é aínda un mal descoñecido. Non así para quen ten a potestade de facer algo ao respecto. Semella que as autoridades precisan dunha catástrofe como o Prestige para poñer no centro da mesa a emerxencia ecolóxica, mentres a contaminación silenciosa dos microplásticos, como as redes de pesca ou as bágoas de serea, ateiga as nosas costas. O silencio ampara o desleixo e o lessez fer, e dependemos, coma sempre, do traballo das persoas voluntarias que dobran o lombo para eliminar das praias e os océanos a vergoña de empresas e institucións. Se as sereas choran, podemos imaxinar por que.

Comentarios