Opinión

O amor non fai sufrir

Lembraremos decembro de 2022 como un dos máis duros en termos de violencia machista dende que hai rexistros: 99 mulleres no Estado español foron asasinadas polo feito de selo nos últimos 12 meses, 11 a mans das súas parellas ou ex parellas só no derradeiro. O cómputo oficial indica que 30.141 mulleres en España recoñecen sufrir algún tipo de violencia de xénero. Dá arrepío imaxinar cal sería a cifra se todas as que a sofren fosen capaces de identificala, porque non hai conversa clandestina entre mulleres na que non agromen os "eu tamén".

Durante anos, eu mesma confundín manipulación con debilidade, ansiedade con "bolboretas", celos cun namoramento intenso. Asociaba o maltrato co amor e a soa idea de pronunciar a palabra parecíame unha aberración. Ninguén me explicara que, habitualmente, cando pensamos por primeira vez que alguén nos maltrata significa que nos leva maltratando moito tempo. Temos tan poucas ferramentas para detectar a violencia que podemos estar vivindo unha telenovela romántica con trazos dramáticos na cabeza e unha serie de terror na realidade. E aqueles que, 1.182 asasinadas despois, deberían darnos todas as ferramentas para combatela en bandexa, semellan estar tanto ou máis perdidos.

A TVG promocionou unha serie romántica co rótulo "O amor de verdade fai sufrir"; Land Rober, un dos programas de máis audiencia, facilitou o encontro dun mozo coa súa ex parella ignorando un fondo de control e acoso, nun episodio gravado que decidiron emitir; a campaña da Xunta polo 25N puxo o foco nas vítimas e o seu comportamento, e o Executivo, lonxe de retirala, sacou peito; El Mundo entrevistou a un maltratador condenado e fugado e a súa mensaxe foi masivamente reproducida en medios públicos e privados. Todos estes exemplos teñen algo moi preocupante en común: pasaron todos os filtros, de ducias de ollos, antes de ser propagados publicamente.

Hai uns anos tería celebrado que existisen a metade de voces críticas que hai agora con cada contido no que se difunden discursos machistas, mais tamén desexaría que a esta altura non se producisen. Levamos o tempo suficiente prestando atención ás neglixencias que permiten que o machismo campe ás súas anchas como para que as institucións e os medios aínda non comprendan, analicen e propaguen en voz alta que nos matan, que nos maltratan, que nos someten e que todo ten unha causa por seguirmos sen entender que o amor, do tipo que sexa, non fai sufrir.

Comentarios