Opinión

E agora veñen por nós

Contan que hai unha caza de bruxas contra o ata agora presidente da RFEF, Luis Rubiales, suspendido do seu cargo durante 90 días mentres a o Comité Disciplinario da Federación estuda se o que pasou, pasou. Se o bico nos beizos á xogadora Jennifer Hermoso que o mundo enteiro viu por televisión foi tal ou se poden aparecer evidencias que o descarten.

Vese que, ante semellante persecución, ante a presión á que nos din que se sentiron sometidos Rubiales e os 19 homes representantes das 19 federacións de fútbol e, de rebote, moitos homes, hai quen decidiu facer a súa particular campaña de acoso e derribo, pero contra a vítima.

Levamos días sendo testemuñas da brevísima vaga de fame da devotísima nai de Rubiales (da Igrexa e do fillo), da defensa acérrima que del fixeron varias das súas familiares a través da culpabilización sen contemplacións da futbolista que publicamente, e tras moitas presións, o denunciou; de dirixentes políticos como Núñez Feijóo e Díaz Ayuso, que pretenderon rebaixar a gravidade do asunto desviando o foco cara ao Procés e a Lei de Só Si é Si; de ultras con milleiros de seguidores aireando con vídeos a vida privada de Hermoso, de medios que lles deron bóla e de xornalistas que aínda non entenderon nada. 

A intención de presentarse eles mesmos como perseguidos e tratar de eclipsar a vítima lévanos á enésima constatación de que, cando sinalamos o machismo, veñen novamente por nós, armados de xogo sucio ata os dentes. Veñen por nós cando publican vídeos dunha Hermoso feliz campioa do mundo nun intento obsceno de demostrar que de vítima ten pouco.

Veñen por nós cando, despois de ducias de análises de expertas en igualdade, un presentador do telexornal máis visto do Estado decide vitimizarse no nome da tradición cabaleiresca. Veñen por nós como fixeron coa vítima da Manada, sinalándoa nun medio pola súa "vida normal".

Como naquel xuízo no que se lle preguntou a unha muller se "pechara ben as pernas". Como a todas as que se atreven a denunciar violencia e abusos e son cuestionadas, agás cando as matan. Dúas mulleres foron asasinadas nun só día esta semana en España polas súas ex parellas. As dúas decidiran deixar a súa relación. A violencia, ademais de xénero, ten a morfoloxía dun iceberg. Todos os xestos contan, ata os que non se ven ou non se queren ver. Entender isto é aprender a ir polo machismo que nos podrece, e non por nós.

Comentarios