Opinión

A pluma

Óese dicir de España que é un fogar de trabelos, feminazis e maricóns. Ou trans, feministas e homosexuais, na versión máis politicamente correcta. A acepción negativa sempre está aí, no fondo ou na forma, no ton pretendido ou na palabra escollida. Non hai comentario sutil, chiste rápido ou chanza áxil máis manidos que os que apelan aos colectivos máis desiguais da sociedade. Semellan sentirse lexitimados, especialmente agora que os representantes políticos e referentes mediáticos deslizan esa mesma clase de comentarios en numerosos espazos, con escasas consecuencias.

O discurso de extrema dereita ten un descomunal altofalante nos medios e nas redes. Non hai réplica, contraréplica, pedagoxía nin fact checking que abonde. O odio e a perversión da verdade irrompen nas nosas vidas cada día situados ao mesmo nivel que calquera outra argumentación. Non sucumben nin cando se presentan os datos suficientes para deixalos fóra de xogo. Resisten e contaminan todo o espectro político da dereita, cun Partido Popular que, lonxe de desmarcarse, se radicaliza, pacta, negocia e forma goberno con ultras homófobos, racistas, antiabortistas, negacionistas do cambio climático e condenados por violencia machista.

A pezoña fascista, que xa se estendeu por varias autonomías e municipios, tamén pode facelo no próximo Goberno de España. E, malia que nesta tendencia a política en Galicia semella seguir o seu propio camiño, sería moi inxenuo pensar que a sociedade galega está libre de impregnarse de mensaxes de odio.

Unha viñeta do ilustrador Riki Blanco en El País reflicte á perfección o fenómeno da posverdade en relación co auxe do fascismo: baixo o rótulo “A España véselle a pluma”, o aguiacho do escudo franquista déixase ver semioculto detrás do mapa. A pluma que tanto molesta nos comentarios de bar, nos matóns das rúas e os centros educativos, nos orgullosos exterminadores do cancelado programa das tardes de Mediaset e no discurso retrógrado da extrema dereita é só o parche populista e retorcido para agochar a súa propia pluma de ave rapaz. Unha pluma contra outra, contra as mulleres e as persoas LGTBI+, contra as trans, as racializadas, as comunistas e as minorías dinamitadoras desa lingua que falan 493 millóns de persoas en todo o mundo. Pasaron máis de seis anos dende que “posverdade” foi escollida palabra do ano polo Dicionario Oxford. Era o primeiro aviso.

Comentarios