Opinión

A lousa da vivenda

Nos últimos tempos escribo moito sobre vivenda, alugueiros e, moi especialmente, sobre todo o que implica o proceso de habitar e deshabitar. Todo ten un sentido, un traxecto e unha realidade que vén de moi atrás, mais só ultimamente comezamos a vela reflectida nos medios de comunicación. "Sabían que unha sociedade propietaria é unha sociedade conservadora", afirmaba en alusión ao franquismo o doutor en socioloxía Daniel Sorando este domingo no programa Salvados. "Feita a lei, feita a trampa", apuntaba o inquilino máis lonxevo dun edificio de Barcelona mercado por un fondo de inversión que convida a toda a veciñanza a pagar máis ou marchar.

Coincide todo isto co meu regreso ao punto de partida no pesadelo do xogo inmobiliario. Un ano despois de terme mudado, esta insignificante peza no taboleiro dun mercado de abusos busca piso na mesma cidade e no mesmo barrio onde tiña configurada unha vida. A casualidade fíxome localizar un estudio na mesma rúa onde vivía antes. Por azar, ou quen sabe se por intervención do karma, o propietario tamén resultou ser o mesmo. O mesmo que un día mercou dous inmobles do edificio, un deles, no que eu vivía. O mesmo que me deixou soa un venres pola noite cunha inundación na cociña porque era caro chamar un fontaneiro. O mesmo que me vendeu a subida do alugueiro como un favor por non telo subido os anos anteriores (con IPC negativo). O mesmo que foi adiando a devolución da fianza e acabou estafándome.

Así puiden saber que o lugar onde vivín dende 2017 vale hoxe, un ano despois de deixalo, 120 euros máis. Tamén que o señor propietario non quere persoas da hostalaría como inquilinas, "que son poco serias con los pagos". Non negarei que é un alivio atopar testemuños nos medios que reflicten as experiencias que moitas sufrimos e que, durante anos, non saíron das conversas privadas e das denuncias nas redes, pero o foco de atención sobre o gran negocio da propiedade inmobiliaria chega moi tarde e require de solucións urxentes. Non vale con que haxa unha lei no lume, precisamos saber cando e como. Non se trata só de como poden evitarse os abusos, senón de facer recuar aos que xa fixeron o agosto. Eu decidín contarlle á inmobiliaria todo o vivido co propietario. Pode que non sirva para nada, pero no peso das conciencias sobre a vivenda eu levo unha lousa menos. E entre tanta violencia económica, non é pouco.

Comentarios