Opinión

2024 epicúreo

Se tivésemos que enmarcar o capitalismo nunha das dúas correntes filosóficas helenísticas máis importantes, probablemente escolleriamos o epicureísmo sen dubidalo. Non é estraño, se temos en conta que é o propio sistema capitalista o que nos incrusta a idea de que vivimos nun hedonismo sen control no que renderse aos praceres da vida, as compras, o xogo, o consumo é responsabilidade nosa, como tamén todas as súas consecuencias. E pouco ou nada importa a idea de negocio de quen estea detrás do beneficio e a cifra (xente ben estoica, se se me permite, que acepta o materialismo como a natureza das cousas).

Tal é a mensaxe subliminar que se nos transmite sobre como vivimos, que facemos e que deixamos de facer pola vida que escollemos (se é que realmente é posible facer algunha escolla) que esquecemos o precepto fundamental do Xardín de Epicuro: a busca da felicidade, da tranquilidade e da paz mental radica na procura dun pracer nunca fóra de control. Isto quere dicir que no momento que perdemos o dominio sobre os nosos praceres non podemos falar xa de epicureísmo, senón doutra cousa.

No sistema perverso no que cremos que encaixamos, asolagado polo descrédito e a corrupción do epicúreo, case nos convencen de que ler moitos libros é un exceso, un consumo máis, unha pedantería. De que opoñerse a unha intervención militar é un comodismo, un desleixo e a maior das irresponsabilidades. De que a poesía é pomposa e carente de sentido e a exposición pública das emocións, unha debilidade. Que as adiccións, e o estigma que as acompaña, son responsabilidade exclusiva de quen as padece e a sociedade non ten por que cargar con parias, viciosas e dependentes. Na reviravolta máis cruel deste argumento hai quen inclúe a quen enferma e avellenta "mal", como se os estragos do corpo e a mente vencellados á idade fosen tamén culpa de xeito exclusivo de quen vive, por como vive.

Observo con preocupación unhas redes sociais e uns medios de comunicación ateigados de censores do epicúreo. Pisan o freo das emocións, convencidos dun mundo de inhibición dunha parte do que naturalmente somos. Como se a poesía, o máximo expoñente da narración, a emoción e o pensamento non tivese uso de razón. Aos desexos epicúreos de fin de ano precédenos sempre os propósitos estoicos de aninovo. Por iso é tan difícil cumprilos. Vaia o meu desexo dun 2024 epicúreo e libre.

Comentarios