Opinión

Rosalía. Dez anos dunha reivindicación

En xullo de 2010, no cemiterio de Adina, iniciamos a conmemoración daquel 25 de maio de 1891 no que tivo lugar a translación do corpo mortal de Rosalía de Castro a San Domingos de Bonaval. Comezamos de novo a desandar a desolada realidade que para a nosa poeta reflectían as palabras doridas de Rodríguez Seoane: "O seu enterro cremos que non teña sido máis que a soidade que para moitos precede a tumba. Que doloroso é patria miña, o camiño que aínda despois de mortos teñen que percorrer teus fillos ilustres".

Ás portas de Bonaval, onde entrabamos libremente, en representación da AELG e de todos os colectivos que apoiaron o acto de reivindicación de Rosalía, dicía "vimos hoxe e viremos unha e outra vez a San Domingos porque non nos resignamos, porque non renunciamos a Rosalía, porque non renunciamos á patria galega". En cumprimento do mandato que asumimos, o 24 de febreiro de 2011 convocamos as xentes do noso país para reivindicar a nosa poeta nacional e erguer a reivindicación dun Panteón, laico e público, de xestión e de propiedade pública.

Hoxe, após 10 anos, o aceso ao Panteón segue a ser tutelado pola Igrexa: "concedemos a autorización solicitada, recordándolles que o edificio de San Domingos de Bonaval non é un espazo multiusos, e os actos que se celebren alí han de respectar a natureza relixiosa do templo".

Desde aquel día de celebración seguimos a honrala, a reivindicala, pois sofre hoxe, na práctica, un silencioso ocultamento: Bonaval segue a ser unha calada prisión que a cobre cun manto de silenciosa sombra e que pode propiciar a indiferenza, a calada anulación.

Os apoios ao Día de Rosalía foron levedando por toda a Galiza. Foi determinante o activismo do profesorado por todos os centros escolares do país e os concellos, xa 60, que recoñeceron en pleno o Día de Rosalía, así como tres das catro Deputacións Provinciais, que o incorporaron ás súas programacións. Coa inestimábel axuda da base asociativa da AELG, foi imprescindíbel o apoio do tecido cultural das agrupacións culturais das distintas cidades e vilas galegas así como das bibliotecas públicas, museos e asociacións de veciños. Este ano foi solicitada a súa declaración ao Parlamento Galego.

As propostas que se fixeron ao longo dos anos, desde o consello directivo da AELG, foron as máis diversas. Ademais dun fermoso e clarificador manifesto que as e os escritores galegos elaboraron e que foi lido por todo o país, fixéronse propostas para o ensino e para os concellos. Á par, xurdiron outras en centros escolares e culturais, nos concellos ou na sempre activa Fundación Rosalía. Fixéronse lecturas da obra de Rosalía, concursos de poemas sobre ela e a súa obra, gravacións en todos os soportes audiovisuais ou de telefonía móbil de poemas lidos ou dramatizados. Realizáronse palestras sobre a súa obra e a súa persoa, sobre feminismos. Puxéronse pancartas con texto de Rosalía nos balcóns de institucións, graffitis cos seus poemas nos muros das nosa vilas, pintáronse murais coa súa figura e outras moitas iniciativas.

Celebramos neste 2021 a autora cuxa palabra fundadora ten a vixencia de seguir a ser capaz de soportar o peso todo das aspiracións nacionais e sociais da Galiza, alén de saber ler as íntimas mensaxes que levamos na alma colectiva de galegas e galegos. Que sexa coñecida, significará que somos un pobo que se coñece a si mesmo e sabe das causas da súa prostración. 

Ao ler as pensadoras feministas da África ou do Brasil ou da India, creo que a obra de Rosalía sostén hoxe a análise destas pensadoras do Sur global, defensoras dun feminismo cultural e economicamente anticolonial e de clase, que pide ter en conta as desigualdades entre as mulleres, a dupla invisibilidade das mulleres racializadas, a precarización dos seus dereitos, a xenofobia contra das migrantes. Esa segue a ser Rosalía hoxe, no s.XXI.

Ímoslle ler poemas e levar flores como llas levamos aos seres queridos porque, non o esquezamos, ela é a muller que acolleu á escritora xenial, a muller que amou e foi amada, a muller coa calidade de alma de aquela a quen obrigaban as dores alleas, das que fixo as propias dores.

Tamén a que trae o poema que é canción sanadora en tempo de desasosego, a que nos  dá arrimo cos seus doces cantares, aos que nos convoca o manifesto da escritora Anna Figueiredo.

Comentarios