Opinión

Morte accidental dunha rubia galega

Que si, que moi ben. Se eu non digo que non.

Que si, que moi ben. Se eu non digo que non. Que pode que sexan paranoias miñas ou que me estou volvendo tolo ou vaia vostede a saber. Pero o caso é que eu noto que cada vez hai menos sinais de tráfico con siluetas de vacas e a cousa, para que nos vamos a enganar, tenme un pouco descolocado, por non dicir chinado, e así che nos vai. Coa mosca detrás da orella ando, amigos. Porque antes un collía o coche ou a moto -ou a bicicleta se me apuras- e este tipo de sinais aparecíanche a cada paso, como a rapaza da curva ou o home do saco. Un elemento máis da paisaxe habitual das nosas estradas eran. O símbolo máis identitariamente galego do código de circulación. E habíaas por todas partes, non vaias crer: sinais de vacas a esgalla. Pero agora, en cambio, que? Non o negaredes. A súa presenza é case residual; a súa función máis testemuñal que práctica. Está máis que demostrado, non cómpre ter unha carreira nin unha sensibilidade especial: cada vez hai menos. Moitas menos. Como se ademais das vacas, tamén os sinais de tráfico coa súa silueta empezasen a sufrir un incipiente pero imparable proceso de extinción. Vos diredes, claro (porque se vos ve vir de lonxe) que eu esaxero. Que pare o carro ou que me baixe da moto ou que levante o pé do acelerador. Que é normal. Que non lle busque tres pés á vaca, nin cinco, e xa postos, nin catro. Que a cousa ten a súa lóxica e que, en todo caso, que máis dá? Se ao fin e ao cabo son uns absurdos sinais de tráfico. E se se acaban os das vacas (porque por forza teñen que acabar tal e como lle vai ao noso medio rural) que poñan siluetas de cans ou de gatos. Ou de cobaias, claro. Cobaias, machiño, si que sodes vós. Coelliños de indias. Monicreques nas mans dos que manexan os fíos invisibles do poder, e non fagades que me poña estupendo contando todo o que eu sei. Pero non vos decatades? É exactamente ao revés! A vosa consecuencia é a miña causa, e viceversa. Non é que desaparezan os sinais porque cada vez hai menos vacas, senón que cada vez hai menos vacas porque desaparecen os sinais. Alguén, falo en serio, está a retiralos con nocturnidade e, sobre todo, con aleivosía. Con moi mala ostia e a pura traizón.

"Non é que desaparezan os sinais porque cada vez hai menos vacas, senón que cada vez hai menos vacas porque desaparecen os sinais. Alguén, falo en serio, está a retiralos con nocturnidade"

E así é normal que se incrementen os atropelos de vacas con resultado de morte. Cantas quedan daquel millón que proclamou en tempos Manolo Rivas? Acaso leva el tamén os partes de defunción? Caen as vacas como moscas en cada recanto do país. Cada día asistimos á morte accidental dunha rubia galega. Cabeza de gando, cabeza de turco, cabeza cortada. Becerros, xovencas, xatos. Atropelados por condutores coma ti, que non saben que están a ser simples instrumentos do goberno ou do lobby de quenda na guerra aberta contra o noso sector lácteo. Porque vaquiña a vaquiña vaise acabando cunha explotación, e unha explotación non fai océano pero pode ser a pinga que reborde o tetra-brick. Agora quitan os sinais, despois serán os contratos, máis tarde utilizarán o leite como produto reclamo e, se me apuras (xa sei que esaxero) acabarán pagándolles aos gandeiros por debaixo dos custes de produción... Barra libre de libre mercado, amigos. E a tomar por saco. Que vai unha vaca? Pois vai. Que unha explotación? Pasa nada. Que todo o sector? Que pareza un accidente. Algún día, estou seguro, darédesme a razón. Espero que non sexa demasiado tarde. A este paso en Galicia vainos quedar obsoleto ata o maldito código de circulación.

Comentarios