Opinión

Estraños compañeiros de cama

Eu, por ser, sempre quixen ser emprendedor. Emprendedor de salón, enténdaseme ben

Eu, por ser, sempre quixen ser emprendedor. Emprendedor de salón, enténdaseme ben. De parir ideas para non consumalas e deixalas pasar como as boas oportunidades ou o sexo aburrido e sen gañas. Así, durante anos, a miña febril imaxinación argallou ducias de proxectos empresariais que, no mellor dos casos, estaban destinados a facerme tocar fondo e, no peor, a levarme a caer aínda máis baixo.

Un daqueles proxectos –unha daquelas ideas xeniais e revolucionarias- era a creación dunha web de contactos para políticos, unha especie de sesión golfa parlamentaria 2.0. Ou un banquete de Conxo con final feliz. A cousa quedou en nada porque nunca din cun bo nome comercial, aínda que hai que recoñecer que os slogans me quedaban que nin pintados. Realpolitik: a web de contactos para políticos esixentes; Bipartito: a lexislatura é curta, ten unha aventura; De-putado:... En fin.

"Un daqueles proxectos –unha daquelas ideas xeniais e revolucionarias- era a creación dunha web de contactos para políticos, unha especie de sesión golfa parlamentaria 2.0. Ou un banquete de Conxo con final feliz"

Non se trataba de propiciar que os políticos se enleasen entre eles (que para iso xa se amañan bastante ben sós), senón de habilitar un espazo virtual, accesible e discreto no que poder negociar acordos de investidura, coalicións electorais ou pactos de goberno. Alianzas e adulterios, en xeral. Un hemiciclo, en definitiva, sen luz nin taquígrafos no que poder poñerlle os cornos ao electorado ou decidir un cambio de grupo parlamentario.

Naquela web podía terse negociado, por exemplo, o futuro da Deputación de Lugo; ou a moción de censura a Mini, o ZZ Top galego, un home coa barba tan longa que cando se quixo dar conta non tivo tempo de metela en remollo. Naquela web podían terse deseñado -con absoluta discreción e sen o máis mínimo pudor- conspiracións, conxuras, componendas, intrigas, complots... E tamén algún que outro tamayazo."

Volvín acordarme daquel vello proxecto de política ficción despois de ler na prensa que milleiros de infieis veñen de quedar co cu ao aire tras o hackeo da web de contactos Ashley Madison. Centos de homes e mulleres que se crían coa coartada perfecta sofren hoxe a ansiedade e a vergoña de sabérense descubertos. Algo que, por suposto, nunca lles tería pasado aos usuarios da miña web. E non porque a súa seguridade fose inexpugnable, senón porque a estas alturas xa a ninguén lle escandaliza que a política faga estraños compañeiros de cama.

Comentarios