Opinión

'Don Celidonio ascendeu a alcalde', por Mariña Cabrera

"Durante a posguerra don Celidonio ascendeu de porco a marrá e fíxose alcalde". 95 anos despois e cambiando apenas dúas palabras, esta frase podería adaptarse perfectamente a certo alcalde de certa vila ourensá con entroido de sona que pasou por todas as faces políticas ata que chegou ao que quería, alcalde. O noso protagonista, non só traizoou a veciñanza, amizades e exsocios de goberno senón aos propios ideais, que parecen ser inexistentes. Chegou a alcaldía, e aínda que eu cuestionase os seus métodos e deixase de compartir ideais segundo el os mudou, non sería xusto criticar a un alcalde sen motivos de peso.

Pero por desgraza, non pasou nin medio ano e xa hai vítimas do seu paso polo concello. Desta vez tocoulle ás árbores, que pasaron de ter frondosas copas a ser troncos con raíces que tornarán milagre se sobreviven ao inverno. Tendo en conta o pouco benevolente que está a ser o cambio climático coa nosa terra, con altas temperaturas en verán e mínimas en inverno, parece lóxico ter árbores, que como ben é sabido axudan a regular as temperaturas extremas entre moitísimos outros beneficios que teñen as plantas, pero esta lóxica parece que aínda non chegou ao concello.

Salvando todas as distancias, a min, de pequena contáronme que Franco desecara a nosa lagoa, terei eu que contarlle aos meus netos, nunha paisaxe postapoacalíptica, que o don Celidonio limiá converteu a nosa vila nun páramo de asfalto e formigón?

Mariña Cabrera

Comentarios