Opinión

'Do ecocidio á esperanza', por Francisco Peña

Cómpre pór fin á sobreexplotación dos recursos naturais, xa que os episodios de calor extrema, inundacións, incendios, etc., son cada vez máis frecuentes, como consecuencia dos desequilibrios provocados pola excesiva actividade antrópica sostida no tempo, e se continuamos así imos cara ao ecocidio.

O cambio climático está a causar destrución, fame, pobreza, millóns de mortes e moito sufrimento. O ser humano é o único que pode frear esta ameaza para a nosa supervivencia, xa que os grandes problemas que ten a humanidade na actualidade (quecemento global, perda de biodiversidade, pandemias, fame, etc.) son combatidos con unidade de acción e non con armas. Se só unha parte do diñeiro gastado en armas fose asignado globalmente, a fame no mundo aliviaríase.

Os que teñen o privilexio de saber teñen a obriga de actuar, dixo Einstein. A nosa xeración é a primeira en enfrontarse ao cambio climático, ou actuamos con urxencia ou será unha misión case imposible para as xeracións vindeiras. Os nosos estilos de vida deben cambiarse rapidamente para facelos compatibles coa saúde do planeta.

Comparto a reflexión de François Rabelais (humanista, médico e escritor francés) que na súa obra Pantagruel di: "A ciencia sen conciencia é a ruína da alma". Está nas nosas mans cambiar o rumbo das cousas e construír un mundo novo sen ecocidio, sen pobreza e fame e con igual dignidade para todos. Temos ciencia, sexamos conscientes e que a nosa finalidade principal é mellorar a vida das persoas.

Francisco Peña (Ponteareas)

Comentarios