Opinión

Verán azul

A nostalxia acompaña mal. Distorce o pasado, proxecta lembranzas trampulleiras e converte en marabillosos episodios o que no seu momento foron feitos do máis anódinos. A nostalxia pretende situarnos nun pasado feliz e máxico, que ao igual que toda utopía existe só na nosa imaxinación. Seguindo a Freud, cando a nostalxia está cerca debemos revisar que neurose estamos desenvolvendo. 

As últimas da xeración das boomers eramos mozas cando se estreou a serie que a dereita retoma como anuncio electoral. A súa sintonía conecta coa xuventude, cun momento que tiña por única grandeza que eramos novas. Polo resto, case nada era azul. Os nosos país eran unha xeración que dedicaron a vida a traballar para que puidésemos estudar. Eramos as primeiras fillas de obreiros que íamos a Universidade. Eles non ían de vacacións a Málaga, as súas viaxes eran da emigración á aldea galega no verán e dela de novo a traballar. 

Choramos por Chanquete. Mais tamén por Marco e Heidi. Eramos un pouco de bagoa fácil nas series dos setenta e oitenta. Aínda que Mazinger Z albiscaba un camiño de violencia apocalíptica, as femias seguiamos tendo a potencia nos peitos. Deixamos as bicis do verán e saïamos ás rúas a poñer nome ás violencias que viviran as nosas avoas, a reclamar rachar con teitos de formigón, a negociar as cotas nos partidos cos nosos compañeiros de organización. Cuestionamos a maternidade como destino como se fósemos as primeiras, logo descubrimos que as mulleres semellamos pioneiras porque hai especialistas en borrar as pegadas das que nos precederon. Así foron pasando as décadas. Tinxidas coas todas as cores que ten a vida.

Hai sintonías que nos sitúan no pasado. Igual que os cheiros da infancia ou as series. De aí que teñamos que aplaudir á dereita, nada pode acompañar mellor ao seu plan de eliminar dereitos e liberdades que todos os estereotipos machistas dunha serie dos oitenta no sur do Estado. Non sei se nos gustaba, era a única que se emitía. Non podíamos escoller. Nada bo aniña na falta de liberdade. En eliminar Concellerías e derrogar leis. Nada bo aniña nos aires da ultradereita en Europa que paso a paso propoñen unha volta ao pasado. Os capitais financeiros que os alentan saben que non está ben que os inmigrantes se integren, que as nenas dos obreiros cheguen á Universidade, que as familias sexan diversas e a súa finalidade non sexa procrear por obriga. A nova orde disfrazada de moral tradicional é unha orde económica.

Comezamos o século vendo aos capitais financeiros mudar as relacións económicas mundiais e reducir os estados a monicreque. Seguimos nesa liña, xogándonos dereitos e liberdades. Nunha semana saímos ás rúas para defender os nosos topónimos, o dereito a vivir en liberdade á diversidade ou o dereito a nomear a violencia machista polo seu nome. É obvio que en Galiza xogámonos moito o 23 de xullo mais, por fortuna, os ventos son propicios para o nacionalismo. Para nostalxia propia temos o ceo azul de Mareas Vivas. Entre o son das buguinas escoitase con forza: Medre o mar!

Comentarios