Opinión

Sen alma

A economía só era un medio. Esta famosa afirmación de Margaret Thatcher, alá polos inicios dos oitenta, vólveme á cabeza cada día con máis insistencia. Deteriorar os servizos públicos crea negocio, en concreto, a sanidade, as pensións e os seguros privados son unha posibilidade explorada desde hai xa algunha década polos que antes investían no ladrillo. Hospitais privados, residencias e pensións están no punto de mira dos grandes capitais. Empresas que saben que para que os humanos merquemos algo, antes temos que ter a necesidade, real ou imaxinaria, de facelo.

Se en Madrid a contratación de pólizas privadas se disparou un 10% nos tres últimos anos e en Cataluña nunha década aumentou un 40%, non é por casualidade. Responde ao feito de que son a avanzada no desmantelamento da súa atención primaria. Polo tanto, cada quen comeza a buscar a súa propia solución, que xa foi pensada previamente por quen contribúe ao deterioro da sanidade pública.

No noso arredor tamén escoitamos cada vez máis a idea de contratar un seguro privado por se é necesario. Temos medo. Normal telo. Poderiamos narrar tantos casos que non chegaría o xornal enteiro. Seguro que cada lector ou lectora pode contar varios. Eu mesma: hai pouco o neuropediatra do meu fillo díxonos que cumpría facer unhas probas, déronnos cita para catorce meses despois. Por descontado que me sinto afortunada se teño unha cita para a miña médica de familia antes dunha semana.

Ela, que é unha magnífica profesional, comentábame hai uns días que está cansa, corenta ou corenta e cinco pacientes diarios, sen tempo para as visitas a domicilio. Fixemos un pouco de terapia contándonos o difícil que é soster os nosos traballos cheos de burocracia e con maior carga laboral. As dúas, con máis de tres décadas de experiencia, eramos a imaxe perfecta da denominada sociedade do cansazo. 

Temos medo. Normal telo. A nivel individual quen poida pagalo irá buscando solucións segundo os problemas lle golpeen nos fociños. E a nivel colectivo? Tomar de xeito masivo as rúas e volver facer historia na praza do Obradorio foi como unha fiestra de esperanza para acreditar nun nós común que ás veces semella esquecido. Miles de persoas comprometidas en defender a sanidade como un dereito son mostra de que, por moito que nos queiran convencer do triunfo do "sálvese quen poida", aínda imos opor resistencia.

O fin era mudar a alma. Romper os vínculos das comunidades e deixar o individuo presa do seu propio egoísmo. Para iso tiveron que contarnos que o mercado autorregúlase e outras tantas fábulas neoliberais. Agora xa sabemos que esa suposta liberdade de mercado xera oligopolios e a conseguinte pobreza para a maioría, véxase eléctricas, farmacéuticas ou bancos a modo de exemplo. 

A alma humana é mala de mudar. Nela aniña a xustiza, como tan ben nos lembran as palabras de Rosalía de Castro. Pode que tenten arrancárnola, mais sempre podemos defendela pola man. Ou vivir sen alma.

Comentarios