Opinión

Resacas

Nestes tempos cargamos con varias resacas. Acumulamos a resaca electoral de maio, de xullo e de Arxentina. Agora que comeza o Nadal, coa súa propia orde de resacas encadeadas, as eleccións galegas sitúanse no horizonte inmediato do entroido.

Este ano que pechamos ten o sabor amargo do avance das ideas neoliberais. Unha especie de salvación individual imponse con tanta fortaleza que non fica nin un pequeno oco para o colectivo. A esquerda vese obrigada a defender unha noción de estado social que semella as migallas das utopías que transitaban polos seus idearios hai tan só unhas décadas. A crítica a unha economía que empobrece a sociedade esváese buscando na migración a responsabilidade das nosas miserias. Nin a dor en Gaza é quen de mover os intereses mundiais. Un rexurdir fascista campa polas institucións reducindo as resolucións sobre dereitos humanos a lixo.

Como se fosen conceptos trasnoitados, os dereitos humanos cargan coa deshonra de pretender unha sociedade mellor no seu conxunto. Que idea tola esa de poder vivir un pouco mellor todos os humanos. Como hai termos que se resisten a desaparecer, a estratexia é succionalos. Así é o caso da liberdade ou da igualdade. A liberdade leva uns anos en transmutación constante ata chegar a identificarse co desexo, no caso de ser rico, de facer o que me pete sen ter en conta a ninguén máis. No caso hipotético de non selo, a liberdade toma a forma de lexitimar o que fan os ricos mentres soño con selo e tomo unha caña. No referido á igualdade o proceso é unha versión modificada do anterior que cursa máis ou menos tal que así: as miñas ideas son as correctas e única verdade, quen pense diferente está confundido e só queda a violencia como mecanismo de convicción. Normal que nos doa a cabeza nesta resaca ultra que vivimos. Incluso a dereita galega decide mercar froita para comezar a campaña electoral e non presentar un proxecto de país.

Comezamos ano novo albiscando un reto e unha esperanza para Galiza. O nacionalismo galego ten todas as posibilidades para gobernar. Iso implica, por unha banda, ter unha muller presidenta, garantía dun facer político mellor; por outra, unha oportunidade para que Galiza teña un futuro como pobo. Mais tamén implica unha mirada de esquerdas e social nas institucións, implica un contrapunto a esta resaca que xa non aturamos máis. A vitoria nacionalista é unha grande oportunidade para que esta terra mostre o que é: un país no que as persoas riscan maioritariamente o cadrado de fins sociais e non o da Igrexa, no que o común aínda ten un peso á hora de establecer as prioridades das persoas, no que a cultura é tan vizosa na música, na poesía, na narrativa, no audiovisual, na pintura ou na artesanía que lle da igual ter ao goberno galego de costas durante anos.

A vontade de cambio é innegábel. A xente moza ten ganas de recuperar o valor das palabras liberdade e igualdade. O noso é un orgullo de ser galegas e galegos. Benqueridas lectoras e lectores, que a próxima resaca sexa de ledicia e ilusión. Vento nas velas!

Comentarios