Opinión

Cambio galego

Este artigo foi modificado varias veces. Tantas como xiros postelectorais vivimos en poucas horas. Escribía a primeira hora do luns cun café e certa resaca, esa que produce participar nun faladoiro de noite electoral, sobre a necesidade de mudar o marco estatal na análise da realidade galega. Pasei toda a noite do domingo afirmando que hai cambio de ciclo, mais que o noso ciclo é outro e o noso cambio tamén. Aínda así, os meus contertulios seguían instalados no marco estatal e non eran quen de ver á realidade galega. Sempre tivemos unha realidade política diferenciada, que nos últimos anos os medios tentaron homologar coa estatal. Hoxe é imposíbel continuar nesa leria. 

O cambio en Galiza é outro. Que Goretti Sanmartín sexa a futura alcaldesa da capital galega ten un valor simbólico innegábel. Mostra a importancia do traballo constante, de estar nos sitios, de falar coa xente e de presentar un proxecto. Unha muller feminista impúxose nunha campaña ben deseñada e chea de forza. Pontón o le como o adro da súa presidencia, aí está a diferencia co estado. O ciclo que se esgota é o da dereita e fronte ao poder esmagador do PP no resto do estado, o BNG consegue frear a dereita e incrementa un trinta por cento os concelleiros e concelleiras.

Pedro Sánchez confiou no BOE e as súas políticas sociais, pero a campaña estatal ía doutra cousa. Mobilizar á dereita e deixar a esquerda na casa. Así foi. Iso que chaman a esquerda do PSOE cometeu dous erros típicos: gobernar e criticar ao goberno ao mesmo tempo e presentarse divididos. Sánchez sumaba as críticas do PP e de Podemos, mais quen quedou fora foi Podemos. Unha marca que despois de tentar coller os ceos por asalto, está reproducindo a peor tradición cainita da esquerda.

Coruña, Valencia ou Madrid son un bo exemplo. Supoño que Sánchez o sabe. Adianta as eleccións. Boa xogada. Se cadra a única posíbel. Tentará manter os seus votos e que a esquerda non fique na casa dividida e botándolle a culpa ao empedrado. En todo caso, consegue que Ayuso non sexa a candidata.

Dúas últimas reflexións. En primeiro lugar, Bildu é a primeira forza política en Euskadi. Hoxe diso non se fala. Supoño porque xa se sabía que era así e a campaña da dereita política e mediatica non era para Euskadi, era para Extemadura, Valencia ou Cantabria, onde funcionou. Entendo que Sánchez pretende buscar agora a inversa. Mobilizar a un electorado horrorizado coas peticións de VOX para gobernar. Veremos se ten a mesma potencia colectiva a involución en dereitos.

O certo é que VOX consolídase  e non o fai a espasmos como ocorreu con Ciudadanos ou Podemos, faino cun plan que percorre Europa, axitando vellas ideas que hoxe son consideradas antisistema. Deberíamos dedicarlle un tempo a analizar, sen explicacións simples, porque para unha parte da mocidade estas ideas son a revolución.

En Galiza temos marco político propio. Así que permitídeme que, como muller e nacionalista, propoña que brindemos pola primeira alcaldesa de Compostela. Facendo historia!

Comentarios