Opinión

PISA contraataca

Un novo capítulo da saga máis famosa da ciencia ficción educativa ven de estrearse en todos os informativos e xornais planetarios. Os fans agardaban con nervios e entusiasmo os xiros de guión que sempre caracteriza todas as entregas. Desta volta tampouco defraudou as expectativas.

A trama basease nunha pandemia. O confinamento dos habitantes produce como efecto principal a extinción apocalíptica das matemáticas. De xeito secundario, aparece a abolición do libro e a lectura. O das matemáticas era agardado, víase vir noutros episodios. Que sentido pode ter soportar unha disciplina baseada no rigor na era da verdade subxectiva. Para que pode servir un saber que non se rebate a berros ou insultando. Todos eses cálculos e teoremas non só deben ser condenados a unha obsolescencia epistémica, merecen un xuízo público. Como poden atreverse a ter un resultado que non dependa do estado emocional de cada quen. O da lectura tamén o sospeitabamos. Os guionistas apostaron sempre pola colonización desde o planeta YouTube. Se algo non pode explicarse nun vídeo de humor en tres minutos, fica demostrado que non era un coñecemento digno de ter presenza na actualidade. Fóra textos, libros e outros obxectos do pasado. A dixitalización é a nova relixión neste avance imparábel dos intereses da OCDE. A modo de spin-off alertan de que as desigualdades sociais e a pobreza inflúen na educación. Grande idea, nunca antes se pensou algo igual.

Hai fans que non puideron conter as bagoas. Algúns, case como se tolearan, comezaron a dar voltas en círculo nunha análise infinita de datos e metadatos. Como pode ser que os estados da UE teñan tan malos resultados, que Singapur estea no cumio do modelo, que Cataluña caia ou que o rural asturiano resista son algunhas das cuestións que nos transportan aos confíns da galaxia pedagóxica. Alí, ao borde do abismo, habita un profesorado exhausto que estaría disposto a dar a súa opinión se alguén lla preguntase.

Vou dar a miña. Fronte ao alumnado ao que me enfrontaba hai tres décadas, hoxe só podo dicir que é heteroxéneo. Heteroxéneo significa: de diferentes procedencias, con fogares complexos e vínculos afectivos moi febles, con problemas de aprendizaxe ou atención serios e cunha saúde mental en moitas casos precaria ou vulnerábel. O número de horas lectivas e de alumnado aumentou. A multiplicidade de problemas tamén. Non son as competencias dixitais a solución. Necesitamos tomarnos a serio a incorporación nos centros de ensino doutras profesionais. Equipos multidisciplinares que acompañen e titoricen o alumnado que o necesita, programas de integración social e redución das ratios. Ensinar necesita tempo de calidade.

Nunha sociedade complexa non podemos pedirlle receitas sinxelas ou máxicas á escola. Se non valoramos como sociedade a cultura, a arte, o cine ou a conversa intelixente, porque o vai facer a escola. A vulnerabilidade social e a precariedade emocional corroe o colectivo, democracias incluídas. A escola non é un planeta remoto. Somos nós. A sociedade que habitamos.

Comentarios