Opinión

NO-GO

A información é unha ferramenta moi valiosa. Difícil atopala nestes tempos onde todo é opinábel e condenábel ao esquecemento rápido. Berrar un pouco máis alto é sinónimo de fortaleza ou de ter a razón. Insultar e descualificar case é a norma dunhas redes sociais que eluden a posibilidade de ser empregadas para democratiza saberes. Ben sei que esta reflexión xeral non ten nada de novidosa. Vivimos un proceso de exaltación da ignorancia que se xestou tempo atrás nas desilusións vitais de xeracións criadas nun espellismo de igualdade e liberdade. Pode ser que teñamos que reler os clásicos para indagar como as limitacións da precariedade levan ao descrédito do rigor e da veracidade. 

Sobre este adro xeral quería incidir no preocupante que resulta asistir a descrédito informativo que xera CRTVG. A brincadeira que tomo por título deste artigo ten pouco de humor e apunta máis a unha falta de cultura democrática que xa semella o normal, o esperábel deste ente público. Reducir os tempos electorais, eliminar os debates provinciais ou nesgar os noticieiros xa non sorprende. A compañía conseguiu que sexa visto como unha baza máis da campaña electoral do PP. Uns medios públicos, pagados cos cartos de galegas e galegos, xa se identifican como unha factoría da manipulación e a propaganda de Rueda. Só sorprende a intensidade.

Por unha banda debemos deternos nos debates. Un presidente, logo de ter sido durante anos vicepresidente, que non quere confrontar a súa xestión coa oposición e coa candidata con máis opcións a liderar o goberno cheira a medo. Esconde a súa xestión e as propostas de futuro nun debate a cinco. Sen criterio para escoller eses cinco partidos e coa única estratexia de mostrar unha suposta división da esquerda, deixando a división da dereita na sombra, a saber, Vox e Democracia Ourensá. Aínda non sabemos o criterio para esta escolla: representación na Cámara galega, representación no Congreso, posibilidades segundo as enquisas ou outro. Tamén descoñecemos porque son eliminados os debates provincias. Eran unha ferramenta para contrastar ideas do programa electoral e coñecer os equipos de traballo dos partidos. Con varios escanos en liza, que dependen de toda unha bolsa de indecisos, furtar debates é, cando menos, pouco elegante.

Por outra, resulta incompresíbel que nunhas eleccións tan decisivas para Galiza a CRTVG reduza á metade os tempos informativos electorais.  Se cadra, non é incomprensíbel e responde á idea de que un perfil baixo e pouco ruído electoral axuda a dereita a non ter contraste de ideas e buscar en Galiza o premio de consolación de Feijóo despois do golpe estival. Logo da entrevista con contraste na TVE, xa nunca máis voltaría a ser o bo xestor que non minte. Nós xa o tiñamos claro.

As costuras da CRTVG estouran con denuncias das traballadoras e traballadores que levan anos sufrindo a coacción e a manipulación. A cultura democrática necesita moitos vimbios. A información, os debates e o contraste de ideas son fundamentais. Non vivimos nada novo, sabémolo. Por iso temos todo por gañar.

Comentarios