Opinión

Monstruas todas!

Entre reivindicacións e celebracións chegamos a un novo 8 de marzo. Semella obrigado facer balance e mirar cara o futuro. Miles de datos inundarán os medios de comunicación sinalando a fenda salarial que aínda perdura, un 19% en Galiza; a maior pobreza das mulleres no mundo, segundo a ONU en 2030 sobre 324 millóns de mulleres e nenas estarán condenadas a vivir por debaixo do limiar da pobreza; ou as desigualdades nos coidados, segundo as estatísticas máis do 80% das mulleres teñen problemas para poder conciliar.

Non obstante, hai algo que non podemos medir. Algo difícil de cuantificar ou poñer nas estatísticas. Incluso é difícil ter un termo certeiro para precisar unha estratexia patriarcal moi efectiva: a negación do recoñecemento dos logros das mulleres. E para que se me entenda, quero partir de algo moi concreto que tanta indignación causou. Isto é, a afirmación dun crítico de cine sobre Jodie Foster. O problema non foi a súa crítica á interpretación ou a se a serie contén bos ou malos diálogos. Perdoándolle a vida, no máis puro estilo paternalista, deixou como grande contribución radiofónica que Foster está avellentada e que a el, así, non lle gusta vela. Aquí o relevante non é o gusto deste señor. Aquí o relevante é a o atrevemento a xulgar o valor dun traballo de novo polo aspecto físico.

Pensemos un momento como tería que ser a cara da personaxe de Foster, unha detective na quinta década da súa vida habitando nun clima adverso e cun pasado doloroso e duro. A cara dunha nena? Dunha moza? Ou unha cara maquillada como se fora a unha gala dos Oscar cando está a resolver un asasinato, sen durmir, e bebendo grandes cantidades de alcol. De base aniña a fantasía masculina que podemos observar en Pobres criaturas. Filme onde, a maiores de banalizar a prostitución, algo que sempre tranquiliza aos homes, esa fantasía masculina de ollar o corpo dunha muller nova e bela, iso si, coa mente dunha nena, se nos ofrece como un canto de liberdade sexual feminista. Para min que a ollada masculina sobre Bela e a mesma que ve en Foster a unha detective avellentada. Non é un comentario máis dun crítico misóxino. É un pensamento estendido, que fai a moitas mulleres vivir a súa madurez como unha mochila de culpabilidade.

Hai unha semana, participando nun encontro de políticas de igualdade, empregábase o termo de monstruas en positivo para esas mulleres que levan anos tentando mudar as cifras da desigualdade desde os seu postos de traballo. Gostei do termo. Eliminar a fenda salarial, a pobreza feminizada ou a violencia sobre as mulleres foi, de feito é, a loita feminista a que o 8M nos convoca. Tamén nos convoca a mudar a mirada. O que ollamos e como o valoramos, ás veces, agocha as trampas do patriarcado. Sempre hábil. Sempre certeiro para facernos culpábeis. Incluso de que os anos pasen, incluso de estar vivas. Foster é unha deusa dixeron moitas feministas nas redes. En realidade é unha monstrua. A todas as monstruas, vémonos na rúa!

Comentarios