Opinión

Minuto de silencio

Sesenta segundos de silencio. Así resumimos a dor e a rabia por cada novo asasinato machista. Os xornais relatan os feitos, reúnese o comité de crise e a xente bota as mans á cabeza. Ao día seguinte, as cousas seguen o seu curso e as preguntan fican sen resposta. Pode que non a teñan fácil. Se cadra, non formulamos as preguntas axeitadas. 

Escoitamos en cada asasinato, e son 1.205 en dúas décadas no Estado, un clamor constante: que falla? Polo miúdo, cada muller sufriu fallos de natureza diferente e que só unha reflexión detallada pode e debe facer. Unha valoración baixa do risco por parte do sistema, unha dependencia emocional da vítima como parte da mesma violencia, que a fixo volver co agresor, unha vulneración da orde de protección ou unha falta de recursos ou de programas. Non obstante, dado que este non é o espazo nin temos o tempo e os datos para poder facer esta análise,  quería falar doutro fallo do sistema. Ese que cometemos todas e todos e que lexitima a violencia.

A violencia machista ten unhas raíces profundas. A pouco que nos paremos nas letras das cancións, a publicidade, os ideais de modelos de vida segundo xéneros, as obrigas dos coidados ou as expectativas vitais que, aínda a día de hoxe, proxectamos para mozos e mozas, damos de fociños contra a infravaloración das mulleres e o seu control social. Pódeseme marcar de esaxerada. Outra feminista dicindo o de sempre, que as mulleres están discriminadas. Pois si, somos discriminadas e, ademais, mátannos. Intentemos imaxinar outro escenario no que 21 persoas foran asasinadas en cinco meses no Estado, dúas delas en Galiza. Imaxinemos ese outro escenario onde en 2022, nesta terra que non chega aos tres millóns de habitantes, 7.029 persoas interpuxesen unha denuncia por violencia, por certo un 12% máis que no 2021. Ou que nese mesmo ano por mor desa violencia sen nome se rexistrasen 77 menores tutelados, por certo cun incremento do 37,5%.

Imaxinemos ese outro escenario. Imaxinemos que foran vítimas dalgún outro terrorismo que non fora o patriarcal. Que diríamos? Non sei, algo así como que vivimos nunha emerxencia social. Nunha situación insoportábel que require da intervención do Estado desde todas as súas institucións. Mais iso non ocorre. A propia naturalización da violencia machista mostra a súa lexitimación. O control das mozas e as mulleres segue a parecernos normal e habitual. Eses chamados micromachismos perviven, invisíbeis en ocasións, pero resistentes. 

Certo que non estamos igual que hai dúas décadas. Leis, programas, recursos e millóns de mulleres na rúa reivindicando o seu dereito a unha vida libre de violencias son unha realidade. Unha realidade que como contrapartida ten á extrema dereita negando a violencia machista e pedindo a derrogación das súas leis para apoiar gobernos e investiduras. A violencia é un tema central para as mulleres. Primeiro, porque queremos estar vivas e ser libres. Segundo, porque a violencia é o elemento de control e submisión que emprega o patriarcado. 

Sesenta segundos son eternos cando resoa #ninunhamáis. 

Comentarios