Opinión

O medo como criterio

Expresións como decisión técnica ou criterio técnico son máxicas. Unha vez empregadas exime de toda responsabilidade a quen as enuncia. Son a desculpa perfecta para agochar unha decisión política. Conste que, a estas alturas dos estudos da filosofía da ciencia e a técnica, é case unha obviedade afirmar que non existen decisións neutrais ou libres de valores, xa que logo, até o máis técnico implica unha posición valorativa. Vésaxe como exemplo a Intelixencia Artificial e os nesgos dos algoritmos.

Mais hoxe non quería comentar esta interesante cuestión sobre a reflexividade crítica nos saberes. Hoxe do que toca falar é da censura de toda a vida. Desa basta forma de vetar a quen non pensa igual. Esa forma de actuar tan propia da dereita que celebra a vitoria electoral eliminando dun proxecto ás mulleres que apoiaron outra candidatura. Dá igual que sexan expertas en xenealoxías de mulleres, teñan libros e estudos biográficos ou mesmo veñan de recibir premios por recuperar a memoria das mulleres. A censura é así. Elimina a quen pensa distinto e envía un recado: non se acepta a discrepancia política. E para que fique ben claro, unha chamada telefónica informa ás participantes xa contratadas que agora non se conta con elas para o programa 'Aquí faltan páxinas' da area de Igualdade da Deputación de Pontevedra. Certo que se en xullo tiveron mal perder, mais non sei se en febreiro están tendo peor gañar.

Censurar semella pouco elegante. Así, aínda que ser censor queda moi rotundo como título honorífico, intentan convencernos de que un novo criterio técnico levou a borrar ás expertas en Virxinia Pereira ou Carmen Kruckenberg xusto un día despois das eleccións. Xusto ese día, cunha certa resaca electoral, alguén ve claro que o criterio técnico debe ser mudar o programa. O lóxico é prescindir das mulleres que saben sobre as páxinas que faltan e condenalas, a elas mesmas, a ser páxinas que tamén falten.

A historia ten moito de invisibilidade imposta e de censura. Pouco criterio técnico habita en excluír a media da humanidade do recoñecemento dos seus logros. Sabemos da importancia das xenealoxías de mulleres, de rastrexar as páxinas arrincadas, ás veces incluso queimadas polos grandes censores. Por iso, o feminismo sempre pulou pola recuperación e posta en valor das biografías das mulleres esquecidas, invisibilizadas ou censuradas.

Non hai criterios técnicos en eliminar dun programa a Montse Fajardo, Mercedes Queixas, Elsa Quintas e Chus López. O criterio é tan evidente como o seguido para vetar a Rogelio Santos na televisión pública galega. O criterio busca borralas. Non recoñecerlles o seu traballo e valía como escritoras e documentalistas. Ao tempo, como tanto lles gustaba aos antigos censores, unha mensaxe de medo queda entre as cinzas e o silencio. O medo, ese grande aliado do inmobilismo.
Non obstante, como dicía Fajardo nun chío, parafreasando a Virxinia Pereira, para as implicadas tal censura é unha medalla. Hai tempo que as mulleres non teñen medo.

Comentarios