Opinión

O insulto como modelo

Desacreditar o adversario foi signo de mal razoamento, de falta de argumentos. Que obsolescencia o da argumentación. Soa tan rancio. Tan anacrónico. Nin feitos, nin ideas, nin valores morais. Todo espazo de diálogo fica diluído nun magma de prexuízos, intereses individuais e consignas. Iso que denominan en xornalismo ton bronco, marca a excelencia nas tribunas. O máis semellante a un axustizamento público, con berros tolos dunha masa enfurecida, son as redes sociais. Ao final a liberdade era iso: unha caña, mentir e insultar.

Neste espazo de apocalipse do pensamento aínda hai quen se sorprende do auxe da extrema dereita. Estamos no seu terreo de xogo, así que coñecen as regras mellor que ninguén. Onde todo dá igual, onde non existen os límites; a razón non ten sentido. Aí o discurso da man dura, da suposta orde, prende xusto naqueles máis desfavorecidos. Os outros xa contan coa ganancia segura.

Por un breve instante a xente creu na boa vontade humana en tempos de pandemia. Miles de profesionais dobraron quendas, o profesorado traballou sábados e domingos para adaptar todo a contornos dixitais, traballadoras e traballadores viviron con medos os seus ERTE. As mulleres da limpeza convertéronse nun axente imprescindíbel da nosa supervivencia. Hoxe, a maioría, deben sentirse estafadas. De novo as mulleres da limpeza desvaloradas, as profesionais esquecidas e os estafadores mercando Maseratis. Ás veces penso se a literatura debería relegar o Lazarillo e outros tramposos dos seus púlpitos. De feito, igual deberiamos incidir nese espírito de xustiza social que emana Rosalía de Castro, que podemos ver nos ensaios de Concepción Arenal ou co que desfrutei hai poucas semanas volvendo a Flora Tristán.

O filósofo Byung Chun Han analiza a nosa época a través da metáfora da sociedade do cansazo. Elocuente visión dun estado de velocidade e aceleración constante. As axendas e os calendarios cheos de citas: laborais, sentimentais, vacacionais, electorais. Todo axendado e rápido. Así, imposíbel pensar. Mais, unha vez desbotada esa capacidade humana do espazo da moral e a política: tampouco necesitamos o tempo para realizala. Así podemos lanzarnos a consumir e berrar nas redes sen remordementos.

Agradezo ao temario da Filosofía o pracer de volver a textos que repousaban desordenados pola casa. Ler a Hannah Arendt a mesma semana na que o Congreso se mostra como unha de braña de esterco, que impide a mínima confianza da cidadanía nas palabras, é unha especie de luz. Esa á que ela aludía cando afirmaba que, aínda nos tempos máis escuros, temos dereito a agardar certa luz.

Arendt viviu momentos escuros e foi quen de pensar a política fóra do espazo enlamado das institucións que coñecía. Dous dos seus títulos, As orixes do totalitario e A condición humana son, de por si, unha alerta para o noso tempo.

Banalizamos o insulto e aboamos de xeito constante o descrédito na política. Cada vez valoro máis esa luz arendtiana do pensamento. Diráseme que é un intanxíbel. Si, pero mellor como modelo que o insulto.

Comentarios