Opinión

Imposible estudar Filosofía en galego

Son neofalante. Non de hoxe. Máis de tres décadas sepáranme daquela mañá de setembro. Foi unha decisión moi consciente que supuña mudar a lingua e o xeito de comunicarme co meu contorno. Podería contar moitas sensacións e anécdotas daquel momento, mais non era iso o que quería compartir neste mes das letras. Sendo sincera, o que me impulsa a teclear este artigo, con certo enfado e decepción, é unha vivencia que seguro considerades menor, pero que non me resisto a contar.

Naquela mañá de setembro comezaba unha clase de Historia da Filosofía explicando ao alumnado que para min era importante que a lingua das aulas fose o galego. Que sería un reto para todas e todos, naquel entón érao para min. A miña proposta era clara: traballar Filosofía melloraría a nosa comprensión lectora e a capacidade de reflexión e, polo tanto, isto sería tamén bo para a capacidade de lectura e redacción en lingua galega. Lembro que foi un bo curso, lembro unha boa relación con aquel alumnado tudense. Tamén fica na miña memoria a importancia que tivo para min poder dispor de materiais específicos de Filosofía en galego. Os textos realizados polo grupo Enxergo e publicados por Xerais acompañáronme nun camiño nada sinxelo. 

Anos despois normalizaríase a publicación de manuais de Historia da Filosofía en galego, aínda que a tradución das obras das pensadoras e pensadores siga sendo case inexistente. Consideren vostedes o difícil que é traducir textos das linguas orixinais para poder entregarlle ao alumnado. Pensen vostedes na falta de rigor das traducións que facemos a pesar da boa vontade que teñamos o profesorado. Con todo e iso, íamos tirando agardando lograr unha mínima biblioteca de textos de Filosofía en galego. Nalgún futuro.

Chámenme inxenua. Case prefiro optimista. O certo é que nunca pensei que trinta e dous anos despois, cando me dispoño a buscar os manuais para o próximo curso, no que a Historia da Filosofía volve ser unha materia obrigatoria, atoparía de fociños co de sempre: a minusvaloración da nosa lingua. Ben sei que quen me transmitiu que Anaya decidira non ter versión en galego do manual de Historia da Filosofía facíao desde a tristeza e seguindo ordes "dos de arriba", que non son os do piso de arriba, creo. Son os directivos dun grupo que a moitos quilómetros de distancia ignoran o galego, a filosofía, o profesorado ou a calidade educativa. 

Sei que é algo menor. Un pequeno síntoma dunha grande enfermidade. Seríamos simplistas se toda a responsabilidade a puxeramos no Goberno galego, que ten moita. Ou nas editoriais, que sobreviven como poden. Ou no profesorado, que corremos de clase en clase sen tempo para facer materiais de calidade. Ou na dixitalización, que nin mellora a comprensión lectora nin a redacción. Ou nunha sociedade que esquece a lingua como estrutura fundamental do bo pensar. Permítaseme unha tradución como a que temos que facer nas aulas: entre todos matárona, ela soa morreu.

Comentarios