Opinión

Humor e vasalaxe

Público e privado. Dous conceptos importantes se da política baseada na cidadanía falásemos. Mais vivimos unha revisión constante destas nocións ao gusto da dereita, difícil saber se as cuestións da parella son de orde privada ou pública, intuímos que as clínicas Quirón son privadas e que os seus contratos coa sanidade se pagan con cartos públicos. En fin, todo un lío porque é complexo saber se unha voda, que semella un acto privado, debe ser retransmitida por unha canle televisiva pública por ser ben de interese cultural ou se se retransmite como aviso a navegantes. Algo así como unha quedada dos poderosos cos aristócratas, nos que os vasalos ascendidos a políticos reciben a correspondente palmada de benvida nas costas. De aí, a importancia de estar. Polo da palmadiña enténdaseme.

As nocións de privado e público foron centrais para configurar a noción de cidadanía das democracias hoxe postas en cuestión, e elevadas ao esperpento no acto antes aludido. Tirando de humor as redes conseguiron que os enxeñosos memes canalizaran a través da risa a ira que produce ver o impúdico espectáculo de mestura do poder real, cos herdados títulos e cos seus correspondentes monicreques políticos. Digo real no sentido de verdadeiro poder e, polo tanto, poder económico; non real como poder dos Borbóns, no que real e económico tamén sofren unha mestura difícil de desentrañar.

Esta fin de semana o humor foi unha especie de bálsamo curandeiro. Temos que rir cando un partido político volve celebrar o seu cumio nunha voda, o retransmite e agarda a compracencia das e dos vasalos desde o outro lado das alfombras. Entre risas descubrimos o noso futuro presidente configurando o calendario da súa investidura en función dunha voda. Xa sei que era o esperado, mais fala do que se considera importante e do que pode agardar. Estamos acostumámonos a todo, ben podemos con isto. Botemos unhas risas nas redes e deixemos que quen fai caixa e bolsa, en moitas ocasións cos nosos impostos, ría en nome do amor a toda plana en portadas varias.

As feministas levamos décadas defendendo que o persoal é político porque sabemos que as estruturas de dominación sobreviven agochadas naquilo que se considera o natural, o obvio, o que se debe facer por tradición. Sabemos que o máis cotián é o máis complexo de transformar porque responde aos vimbios rara vez visíbeis cos que configura o poder. Estruturas de poder que se reproducen desde a complicidade do cotián: ler unha revista, ver a televisión, comentar unha noticia, rir dos vestidos. Esta fin de semana, a nosa crítica foi indiferente porque os e as convocadas a tal evento sentíanse noutro plano. Ou debería dicir noutro estamento. Desde alí, permitir a risa da comedia ou do sainete é unha forma de exercer o poder.

Cos berros do sufrimento humano de pano de fondo e o fascismo gañando terreo de cara ás próximas eleccións europeas, as elites ensínannos os dentes. Elites que de antigo saben que o privado é público. Pregúntome: en que momento comezamos a pensar que a palabra revolución estaba caduca.

Comentarios