Opinión

Galiza, xa mudou

Aínda que hoxe pensemos que todo segue igual. Nada é o mesmo. A ilusión campou polas terras galegas buscando un cambio de ciclo político. Non houbo cambio no goberno, mais o escenario non é o mesmo. A ilusión en política, como na vida, é algo que debemos saber gardar como un tesouro. Estou certa de que o faremos.

Non son quen de facer unha análise política que abranga toda a complexidade do noso país e as variábeis que levaron a este resultado. Seguro que politólogas e tertulianos andarán niso. Só podo dicir que este é un país con sona de conservador, mais que non o é. Este é un país onde a xente moza saíu en masa a votar nacionalismo de esquerdas. No que a cidade máis poboada deixou ao PP como segunda forza. Onte, 18 de febreiro, vivimos cousas extraordinarias. Só dúas a modo de exemplo. Un mozo duns trinta anos, achegóuseme no colexio electoral a pedirme  axuda porque nunca votara. Sacou un folleto do peto e sinalando a Ana Pontón díxome, e cito textualmente, quería facelo por esta chica. Expliqueille que tiña que coller unha papeleta para meter nun sobre, pediume axuda porque non coñecía o mecanismo electoral. Votou, despediuse con presa e fiquei fascinada. Mover ese voto, conseguir xerar confianza onde antes aniñaba o escepticismo político, é de por si xa un logro.

Vivimos cousas extraordinarias. Camiñar pola rúa Camelias e que unha familia enteira que non coñeces de nada, ao verche coa credencial de apodedara, detéñase para dicirche que necesitamos un cambio, que veñen de votar BNG, emociona e dá azos. Diredes que son pequenas cousas. Mais o extraordinario reside niso, en comprender que o voto é o superpoder do que tanto se falou en campaña. Que a política necesita de todas e todos. Que os partidos son só instrumentos e que as persoas deciden.

Non obstante, as persoas deciden cando hai comunidade. Permitídeme só dous apuntamentos rápidos. Vimos nesta campaña que a ilusión non só habita nas redes sociais, necesita dos corpos e da vida. Desta volta no supermercado falábanos a veciña ou a caixeira de cambio, era un tema no taxi, no centro de ensino, na rúa… Moita mocidade seguiu os debates televisivos e sentíase orgullosa de ser galega porque alguén estaba a representala con rigurosidade e cun proxecto. Con ideas e propostas. O domingo xogábamos se había país, haino.

Hai país, difícil de traballar, mais existe. Falo de comunidade e podería dicir pobo, mais quero sinalar un aspecto importante, por moito que o individualismo pretenda esnaquizarnos, resistimos recoñecéndonos. Se cadra por iso, nin Ayuso nin Errejón entendían nada desta campaña. Dá igual como se use en Madrid o resultado, aquí o xogo era outro. Tamén digo comunidade e podería dicir organización. Isto é, compañeiras e compañeiros que desde hai décadas suman esforzos para chegar a ter un proxecto que confronte coa dereita o modelo de futuro que queremos. Aí estamos. Coa humildade de quen sabe o moito esforzo que supón xerar ilusión e conseguir case medio millón de votos. Estamos, e a ilusión leva na fronte unha estrela e no bico un cantar.

Comentarios