Opinión

Emérito

A monarquía é un réxime político tan anacrónico que resulta difícil definir a súa relación real co Estado e as súas institucións. De feito, o papel decorativo das monarquías europeas confírelles dúas funcións principais: vender revistas e atesourar riquezas. Neste bucle temporal que viven as casas reais, renuncio consciente ao uso das maiúsculas, hai algunha que outra liña de fuga. Tipo Harry de Inglaterra ou o Emérito. Cada un no seu estilo, tamén seguindo a liñaxe que os precede. O primeiro facturando á súa maneira e o segundo dilapidando, seguindo os seus predecesores pero con aportacións novidosas e propias.

No canto de ir as carreiras de Ascot a lucir sombreiro, os Borbóns son máis de deportes náuticos. Así que todo preparado en Sanxenxo. Mágoa que non poidamos desfrutar do anacronismo en todo o seu esplendor e teña que ser ás agachadas, sen trompetas nin comitivas coma nos contos. Só algunha que outra bandeira ondeando nas mans duns poucos e moita vergoña colectiva. Mentres miramos para outro lado, as institucións compiten en dar declaracións propias dunha noite de monólogos. A local considera que o emérito, do cal se descoñecen os méritos cos que se lle honra despois da xubilación forzosa, debe vir a descansar. Descansar? Claro, que nos Emiratos Árabes Unidos traballa nunha ONG para dar refuxio a outros membros reais caídos en desgraza e condenados a vivir como pobres inmigrantes. 

O Goberno galego segue apostando pola promoción turística que o señor ex rei aporta ás Rías Baixas. O ano anterior, segundo Rueda, puxo a  Galiza no mapa. Típica frase feita da que pouco podemos dicir, que non pase por suxerirlle ao Presidente a contratación de novos guionistas para estas performances. Este ano as declaracións xa non chegan á categoría de frase feita. Cunha ocupación do cen por cento en Semana Santa, Rueda considérao como un reclamo turístico. Unha mostra máis de falta de guionistas enxeñosos e de que ou a quen promociona o Goberno galego. Collamos como exemplo o Son do Camiño, onde a presenza das e dos artistas galegos é residual. Está é a promoción cultural que entende a Xunta, alfombra vermella para os de fóra e migallas para o tecido cultural propio.

O Goberno do Estado, co corazón partido entre os monárquicos con alma republicana e os republicanos con aguante monárquico, apela ao bo comportamento da súa maxestade. Como se dun adolescente díscolo nunha excursión de fin de curso se tratase, as ministras e ministros cruzan os dedos e miran se con cara de "por favor que volvamos todos enteiros". Afirman os medios de comunicación que o Goberno desexa que teña un perfil baixo e que os días pasen rápido. Isto é, nada de pedir explicacións sobre o cambio de domicilio fiscal, nin sobre todo o roubado por este señor para ser un Bribón, nin sobre quen paga o seu novo domicilio. Nada de esixir explicacións a quen foi xefe do Estado. Nada. Moito mellor, como di o alcalde de Sanxenxo, que descanse. Seguro que lle fai falta.

Comentarios