Opinión

Despistes

A dinastía Baltar non defrauda. Só Falcon Crest, Dallas ou a recente Succession poden darnos momentos tan sublimes nas súas diferentes tempadas. Herdada a Deputación, os cargos e a bagaxe política familiar, a saga levaba tempo en devalo. Xa se sabe das dificultades dos guionistas para manter a tensión. Mais agora que temos unha nova imputación pode incrementarse a audiencia.

Nesta última entrega, asistimos a un xiro interesante dos acontecementos. Se cadra hai a quen lle parece demasiado incríbel esta volta de guión, mais son os requirimentos da ficción. A quen non lle pasou que vai coller o coche nunha tarde de domingo e, por despiste, colle o coche oficial. A quen non lle pasou que vai conducindo e acelera nunha recta, por despiste, ata sobrepasar os 200 quilómetros por hora.

Que conste que non se pode comparar con aquel episodio no 2016 no que o protagonista é investigado por acoso sexual e suborno. Iniciábase toda unha tempada na que Baltar pai e todo o PP galego tiñan que empregarse a fondo para un desenlace de altura: a fiscalía pedindo que se xulgara a muller que denunciara o protagonista por acoso sexual. Naquel entón, como tramas secundarias, asistíamos a convocatoria de 128 postos de traballo a catro días das eleccións ou á compra dun Audi por 60.000, iso que Feijóo desde o 2009 tiña unha loita persoal en contra desta marca de coches. Ben é certo que o señor Feijóo non pasa de extra na política ourensá.

Como en todas as sagas, houbo tempos sosegados, con corruptelas menores para que os espectadores puidesen descansar e tomar aire entre tanta acción. Pouco máis que un xefe de persoal investigado por algunha que outra operación por fraude nos cursos de formación ou unha xuíza anulando a compra por decreto da hemeroteca dun xornal por algún que outro millón de euros públicos. Todo tranquilo agardando a nova tempada.

A do 2019 si que foi boa. Como non lembrar o momento do pacto con Democracia Ourensá. Ciudadanos, entón un partido político, dicindo que nunca apoiaría o protagonista para presidente mentres apelaba aos valores da democracia e a liberdade. Que bonito foi todo. Baltar presidente e Jácome alcalde. Todos dicindo e facendo unha cousa e a contraria a un tempo, desafiando as leis da lóxica nun só episodio. Si, moi bonito. Logo, todo foron leas e problemas. Como spin-off, puidemos ver a deputada de Ciudadanos, edil en Xinzo de Limia que deixara o PP por falta de transparencia, pasándose aos non adscritos para poder apoiar o protagonista na presidencia.

Nas últimas tempadas o decorado tivo poucos cambios. Segue rodándose nunha provincia que incrementa a fenda económica co resto de Galiza e sofre unha caída de poboación de máis do 10% desde o ano 2000. O protagonista conducía "a todo filispín" por terras zamoranas mentres os xornais falaban dunha subida do paro ourensán fronte á baixada xeral no Estado. E isto a pesar de que o protagonista, para promover o emprego, dedicou 17.000 euros públicos a publicitar o negocio familiar nunha revista. Despistes.

Comentarios