Opinión

Dereito a ser choradas

Hai persoas con dereito a ser choradas e outras non. Semella unha obviedade esta tese da filósofa Judith Butler. Non obstante, exemplifica con certeza a violencia estrutural que as desigualdades sociais impoñen neste século. A liña que nos divide está no dó, quen ten a posibilidade de dó e dor pública pasa a formar parte do humano e quen no anonimato e a soidade perde a vida forma parte das estatísticas. Diríamos que son vidas igualmente, mais só unhas son humanas en termos éticos e políticos. Ben sei que isto do Humanismo soa antigo ante as luces hipnóticas das novas intelixencias artificiais. Mais esa lembranza a corpos materiais, que toman sentido nas decisións éticas, seméllame acaída para un dos temas que nos acompañou nestes últimos días.

Todas as hipóteses e explicacións sobre materiais, presión nos fondos mariños e implosións devolvíanme a esta idea sobre o humano e as nosas contradicións. Os cadáveres do Mediterráneo son desprezados polos Gobernos europeos. Persoas que foxen do horror de países en guerra, da fame e a miseria e atopan muros, arames e deportacións no mellor dos casos, no peor a morte anónima sen medios de rescate, sen páxinas nos xornais, sen 
condolencias nas redes.

A implosión do Titán é o símbolo dunha sociedade dividida, cunha minoría que busca a adrenalina nas experiencia extremas. Non é o benestar ou o pracer do cotián o que pretenden mostrar os privilexiados, senón a posibilidade de vivir o imposíbel. O reclamo turístico baséase en experiencias: avistar baleas, tocar golfiños, voar en parapente e un sen fin de experiencias segundo o que se poida pagar. Toda posibilidade de felicidade pasa por dobrar as doses de adrenalina e, cantos máis cartos, máis exclusiva ten que ser a descarga de epinefrina polo corpo. Unha anomalía da nosa concepción do pracer como o hedonismo inmediato e unha mostra da sociedade entolecida na que vivimos. Despois de ler algunhas palabras de lembranza dos malogrados tripulantes afirmando que eran grandes namorados dos océanos, preguntábame se de ser ese o caso, non sería mellor que promovesen a recollida de plásticos que inundan os mares ou a prohibición de pesticidas, por certo cos que algúns deles fixeron as súas fortunas.

Todo é obsceno en termos morais. Os cartos que custaba a experiencia no somerxíbel, os recursos humanos e técnicos despregados na busca, a cobertura mediática e o intento de xustificación dos familiares. Morreron facendo o que máis lle gustaba. Pois perfecto. A súa testosterona masculina tivo o privilexio de ser entendida como valentía e non como temeridade. Morreron co dereito a ser chorados.  

Só unha semana antes na bodega dun pesqueiro, do cal non sabemos o nome, morreron decenas de mulleres e nenos, tampouco sabemos o número, moito menos o nome. Alarm Phone, axencia especialista en rescates, afirma que podería terse evitado. Non se puxo ningunha operación de rescate en marcha ata que afundiu a embarcación sen nome con centos de persoas sen nome dentro. Sen dereito a ser choradas. Ante a nosa indiferenza.

Comentarios