Opinión

Cousas serias e ministerios superfluos

Hai temas de Estado e cousas menores. Hai temas que merecen un Ministerio, unha Consellaría e outros, que seguindo a Feijóo, ben poden ser obxecto dunha xefatura de servizo. Igualdade é dos segundos. Total, que competencias ten? Vinte e unha mulleres asasinadas e vinte e dous orfos en 2023. Un aumento das agresións sexuais do 28% este ano, que ven sendo unha media de dúas denuncias cada día.

Menores de catorce anos cometendo violacións grupais ás súas amigas, nenas de 11 anos ou idades similares, en Badalona como punta visíbel dun problema que non albiscamos en toda a súa dimensión. E sen esquecer que se de datos falamos, en 2022 as denuncias por agresións lgbtfóbicas aumentaron un 70%. Ao que debemos engadir que as estatísticas apuntan un índice de denuncia que non chega ao 10%. En fin, como podemos comprobar, todo cousas menores. Temas sen importancia.

A igualdade e a diversidade son cuestións que se nomean moito, pero que na realidade ou se desprezan ou se ignoran. Non temos que entrar nun Consello de Ministros ou da Xunta para saber isto. Entremos por exemplo nun centro de ensino. Que atopamos? A persoa responsábel de igualdade non ten redución horaria polo traballo que fai. O seu compromiso é o pago que recibe. Agora que está de moda certificar competencias, a formación en igualdade e diversidade dos e das docentes é irrelevante. Primeiro dixitalizar e logo, xa se verá o da igualdade.

Non esquezo que hai obriga de dispor dun Plan de Igualdade e Diversidade de centro. Outro documento máis que coñecen catro persoas. A persoa responsábel de igualdade, a que o foi ao curso anterior e dúas máis sensibilizadas co tema. Froito do azar máis absoluto estas persoas son na inmensa maioría mulleres. Por último, para o próximo curso teremos optativas como Intelixencia Artificial ou Cultura Financeira. Pola contra, cantas materias de Igualdade? Ningunha.

Impartín a materia de Igualdade de xénero nos últimos cinco cursos. Era unha materia placebo optativa de unha hora á semana. Unha amiga di que só servía para que as Administracións lavasen a cara. Non lle falta razón. Non obstante, sigo na dúbida de se non sería posíbel, ou necesario, introducir unha materia con carga horaria suficiente para abordar as orixes e causas das violencias machistas ou para traballar a sexualidade máis alá da visión bioloxicista e da pornografía violenta e machista que consomen a golpe dun clic no móbil. É obvio que os responsábeis educativos propios, que teñen Ministerio e Consellaría, consideran que non.

Este curso despedimos esta materia cunha excursión á Casa de Rosalía de Castro en Padrón. Pasámolo ben. Fixemos fotos e merendamos como fin de festa. Acabáronse as materias de Igualdade. Agora que volverei a impartir Historia da Filosofía se cadra non escoito: que facedes en Igualdade? De novo, abrazo os temas profundos.

O 25 de novembro sempre podemos poñer un lazo, gardalo para o 8 de marzo e no Orgullo lucir unha pulseira multicolor. Iso si, mentres ensinamos cousas serias. Esas que necesitan Ministerios.

Comentarios