Opinión

Concordia

A capacidade da ultradereita para buscar as palabras é innegábel. Quen pode estar en contra de vivir en concordia. Ninguén. A concordia é o desexo de toda sociedade. Non obstante, sabemos que detrás de cada escolla semántica, agochado en cada uso de termos como liberdade, igualdade ou concordia, hai outro significado, nada desexábel, nada harmonioso.

Detrás da concordia reside o esquecemento. De novo, o esquecemento das vítimas e a exaltación dos verdugos. A iso chaman concordia: a gardar nun caixón a xustiza restaurativa e consolidar a antimemoria nas institucións e nas escolas. Concordia significa igualar ditadura e democracia; todo é o mesmo, un tempo histórico escrito polo nesgo da desmemoria. Concordia significa dignificar o fascismo. Antes de cumprir un ano dos gobernos autonómicos nos que o PP goberna con Vox, a ultradereita consegue instaurar tres elementos claves do seu programa: reducir o investimento en cultura, negar a violencia machista e tramitar leis para eliminar o traballo realizado na recuperación da memoria democrática.

A dereita tende a presentarse como unha opción política sen ideoloxía. Unha opción que se di neutral e só interesada na economía, os servizos e o ben vivir. Mais, cando chega aos gobernos, o primeiro que modifica son leis e decretos referidos a cuestións sobre a igualdade, a liberdade, a pluralidade ou a democracia. Con todo, non quero dicir que a súa escolla económica non sexa ideolóxica, todo o contrario; é evidente que privatizar o público ou impulsar un tipo de industrias como Altri éo. Só quería indicar o esforzo de análise das palabras que estamos obrigadas a facer cada vez que alguén emprega liberdade, igualdade ou concordia como se os significados estiveran fixos e estiveramos a falar do mesmo para todo o mundo.

Ese mesmo esforzo que realizamos cando alguén nos di que non entende nada de política e por iso non vai a unha folga ou simplemente vota a dereita. Invocar á neutralidade cando o que se establece é un marco de pensamento de parte é unha práctica habitual e tamén moi efectiva. As esquerdas, tan hábiles para crear unha escisión interna polo uso dunha coma, semellan bloqueadas para reivindicar o seu papel na dotación de sentido de palabras como xustiza social ou liberdade.

A batalla das ideas é constante e líbrase todos os días. Que ensinamos e como o facemos nas escolas non é neutral, non pode selo. Toda ciencia, todo coñecemento é unha posición epistémica. Permitídeme esta expresión propia da filosofía. Como tal posición necesita do contexto e a súa constante interpretación. Se cadra, debemos reler 1984. Mudar e volver mudar todo o escrito para que case cos novos intereses volva estar de actualidade; Arxentina e Castela-León son un aviso a navegantes. Non era a economía. Ou si. O individualismo neoliberal necesita unha visión da historia onde concordia significa imposición de parte. Semella que non queda outra que traficar con palabras para salvar os seus significados. Non hai concordia se hai inxustiza. O esquecemento se algo é, é inxusto.

Comentarios