Opinión

A bioloxía como destino

Non teño moi claro en que momento a bioloxía comezou a ser empregada como aliada do feminismo. Descoñezo a intención dese desprazamento lento, mais sen pausa, no que as hormonas e as gónadas son chamadas a marcar, outra vez, o noso destino. Novos discursos sobre a maternidade, sobre o que somos ou non somos as mulleres, obrígannos a pensar nesta confluencia de cicloxéneses que vivimos.

Por unha banda, os aires da extrema dereita, que agardamos con certa inquietude, non alcancen o nivel de temporais, defenden unha suposta natureza ou leis naturais para impor un modelo de familia onde o rol das mulleres é ben coñecido. Na mesma fin de semana, o auxe da extrema dereita en Portugal ou a perda en Irlanda dunha oportunidade histórica para consolidar outros modelos de familia e os dereitos das mulleres, sinalan a esa batalla ideolóxica que percorre o mundo. Batalla que require de todos os nosos vimbios activistas, de pensamento e rúa, que poidamos xunguir para combater unha nova onda de naturalización da subordinación das mulleres. De feito, semella que a deslexitimación do 8-M, dalgúns sectores da dereita no Estado, marca o camiño por onde seguirán os próximos anos. 

Por outra, a pluralidade dos feminismos fai que nos deteñamos nas contradicións propias que aniñan nos cambios sociais. Permitídeme que me deteña en dous puntos. Primeiro a maternidade, un aspecto fundamental na historia das loitas das mulleres. Non vou entrar a debater aquí, necesitariamos espazo e diversas voces para profundar con rigor. Só unha inquedanza: ás veces percibo unha certa tiranía da “boa nai” entre as novas xeracións. Os modelos de crianza deberían ser eleccións reais das mulleres, non presupostos morais sobre as bondades dunha determinada elección que, dalgún xeito, proxecta unha valoración negativa das que optan por outros modelos ou son nais adoptantes ou non son nais. A complexidade de sentimentos, proxeccións e expectativas vitais fai deste tema un aspecto central dos feminismos, máis alá da necesaria corresponsabilidade e o deseño das políticas públicas de conciliación. O certo é que para os homes segue a ser unha elección. Para as mulleres non tanto.

O segundo tema é moi controvertido e, sendo franca, non entendo o porqué. Na loita polos dereitos das mulleres, os feminismos conseguiron relegar e combater os discursos da natureza e da bioloxía. Ante unha estrutura de poder como é o patriarcado, o feminismo emerxeu como un movemento político. Movemento que foi quen de mostrar como o persoal tamén era político, de cuestionar a propia natureza dos sexos e explicar a construción social dos xéneros, incluíndo os procesos sociais e históricos polos que se asignou un menor valor ao feminino. Non obstante, cando se asume a deconstrución dos sexos, en toda a radicalidade da proposta, asistimos a unha fenda e un enfrontamento, que vai máis alá do san debate de ideas.

Comentarios