Opinión

Bioética a golpe de tweet

Nada no debate sobre os ventres de aluguer é simple, aínda que desexamos condensalo no espazo mental de Twitter. A maternidade, con toda a complexidade simbólica que entraña, deslízase en cada argumentación como unha incómoda acompañante da pregunta fundamental para min, isto é, pódese alugar as capacidades reprodutivas dunha muller igual que se alugan as capacidades produtivas? Son da mesma natureza alugar un útero, que os brazos e as pernas para traballar nunha conserveira, por exemplo? A nosa lexislación é clara: non. E así o considera cando o define como violencia contra as mulleres.

En tromba as redes sociais enchéronse de mensaxe sobre esta violencia e o que implica que mulleres pobres aluguen os seus corpos polo 10%, máis ou menos, do que paga a persoa que adquire o bebé. Non obstante, hai dúas cousas a comentar. A primeira é que a muller que no contrato acepta este negocio non dá ao seu fillo ou filla, senón que xesta un embrión cunha dotación xenética á carta segundo os intereses da parte contratante. En moitas ocasións ten os seus fillos agardando por estes cartos para sobrevivir. Literalmente é empregada como un forno, só que o vivo sempre implica emocións e variábeis difíciles de previr. Segundo, a nosa repulsa e denuncia da pobreza non muda as condicións de vida das mulleres. Como moito somos testemuñas dixitais da dor das outras.

Como as redes e os faladoiros dan para todo, tamén se instalou outra liña argumental do tipo “ese non é o meu problema” e aquí cadaquén fai o que pode. Non quero nin valorar aqueles que entraron no de “non merques, adopta” como se falásemos da mascota que teño aos meus pés mentres escribo este artigo. Nese que cadaquén faga o que poida, se pode pagalo engadiría, aniña o nihilismo que se apodera da vida instalada no capitalismo dos afectos. Nese espazo un discurso sobre a importancia da dotación cromosómica, máis forte que o antigo esencialismo bioloxicista vaise impondo, incluso desde aqueles non heteronormativos que semellaban chamados a rachar coas tiranías dos xenes. Ao mesmo tempo que desprezamos as vidas de quen non importan, xorde unha apelación á celebrar a vida. Que vida? A vida só de quen factura?

Non chegan os caracteres para debullar como transitamos, segundo nos conveña argumentar, a liña imaxinaria entre os dereitos e os desexos. Nin para os códigos deontolóxicos da medicina ao servizo da facturación. Tampouco podemos deternos a pensar sobre eses humanos que terán de vivir co peso de ter sido chamados mercadoría nun impulso de xustiza verbal que xera outros sistemas de exclusión. No deliro apocalíptico das series que nos inundan creo que Last of us borda a destrución da moralidade humanista. O seu último capítulo é sublime, nin Nietzsche foi quen de relatar mellor que implica a destrución do todos os valores e o nihilismo como vontade. Non sei se estamos diante do agromar doutra época, só percibo a banalización da vida e a soidade dunha especie condenada a decidir entre o posíbel e o ético.

Comentarios