Opinión

Altri NON!

Un novo berro de resistencia percorre a nosa terra. Desde o mesmo corazón verde de Galiza a preocupación pola vida vai gañando terreo aos intereses dos de sempre. Si, unha historia vella. Unha historia coñecida que se repite como en bucle polas nosas comarcas dende hai décadas, Ponteceso, Xove e a máis recente Corcoesto.  

Primeiro móstrase un plan atractivo e maquillado para captar fondos europeos, eses que levan no seu nome a promesa dunha nova xeración. Agóchase como vai ser, en realidade, o proxecto e as súas implicacións para as persoas e os sectores produtivos actuais. Pouco a pouco a información vai levando á preocupación, as e os gandeiros ven en risco o seu modo de vida, as mariscadoras poden intuír que a ría de Arousa ficará envelenada, os mozos e as mozas ven o seu futuro comprometido a cambio das migallas dun xigante da pasta de papel. Non era innovación, era o de sempre.

O de sempre, isto é, un Goberno e as súas portas xiratorias facilitando unha industria de enclave que busca beneficios a cambio da destrución da natureza. A natureza non é un ente abstracto ou unha palabra romántica. É o que somos. O que comemos, o que respiramos, o que bebemos, as nosas células, a nosa paisaxe. Sen altruísmo algún, só por puro egoísmo humano, destruír os modos de vida cotiás no altar dun desenvolvemento caduco e colonial é propio dunha Xunta de mediocres e apáticos. Que unha conselleira de Medio Ambiente diga descoñecer as implicacións do proxecto, fala do desleixo e da falta de compromiso da responsábel política, nun territorio con 15% das explotacións agrarias galegas que poden verse afectadas pola pasteira. 

Outro deses termos que semellan abstraccións é a auga. Mais sabemos que é algo moi concreto, que se mide por litros. Altri prevé empregar 640 litros por segundo. Un ben, cada vez máis escaso e estratéxico para o futuro, un ben que é do común, posto ao servizo dunha empresa. As implicacións a nivel hídrico deste proxecto é un dos moitos interrogantes da macrocelulosa. Interrogantes que chegan a unha cidadanía que quere saber e atópase sen respostas por parte do Goberno e da empresa. Adega denunciou que no proxecto hai unha ocultación do impacto real sobre o patrimonio natural galego en aras de conseguir ser declarado proxecto industrial de interese estratéxico. Lembra moito á batalla de Corcoesto, onde todo era inocuo e perfecto e o envelenamento de terras e augas rezaba como unha pequena nota a pé de páxina. Alí veciñas e veciños quixeron saber e pararon aquel espolio ambiental. 

Vemos como a xente de novo quere saber: quen son Altri e Greenfiber, que conexións teñen con antigos membros dos gobernos de Feijóo, por que se eliminou a parte de innovación que primaba no proxecto inicial e se volve a unha macrocelulosa, que implica realmente para a vida e a supervivencia do medio rural o monocultivo do eucalipto, a deterioración da calidade da auga ou a renuncia a conversar a rareza botánica e xeolóxica da zona para a biodiversidade. 

Saber para poder actuar. "Non" significa dignificar a vida, a humana e non humana. 

Comentarios