Opinión

24 segundos en 'prime time'

Din que o tempo na televisión éo todo. Débese condensar a mensaxe en poucos segundos para captar a escasa atención dos receptores. A televisión pública galega teno claro. É algo que practica moi ben. De feito, no último debate no Parlamento europeo deu mostra desa destreza coa deputada nacionalista. Dunha peza de dous minutos e medio decidiu a compañía pública galega que Pedro Sánchez tivera menos espazo que Puigdemont ou que a representante do PP; tamén decidiu que Ana Miranda, eurodeputada da segundo forza en Galiza, ocupase tres segundos. Si, tres segundos.

Ben honrada debe sentirse Miranda por ser quen de condensar nun suspiro os aspectos principais de Galiza na presidencia española da UE. A galega, televisión que pagamos entre todas, aforrou minutos coas propostas galegas para poder darlle protagonismo, no peche da peza, a un can ao que escoitamos ladrar tranquilo, incluso puidemos deleitarnos coas risas e explicacións da presidenta da eurocámara por un tempo de vinte e catro segundos. Vinte e catro segundo de ladridos e risas. Todo rigor e bo facer.

Casos como o deste exemplo, que non puiden resistirme a comentar, é o habitual. Tanto que non reparamos. Se non fose polas redes sociais, non teriamos tan claro a presenza do can e o seu cómputo en segundos. Tan cotiá que nos semella normal que a Rueda só lle falta ser o presentador do telexornal para aparecer en todos os programas. Tan normal que van máis de douscentos noventa Venres Negros nos que os e as traballadoras da compañía denuncian a manipulación e as inxerencias políticas. 

Os medios de comunicación públicos seguen a ser necesarios para poder ter unha información plural. Isto, que semella unha afirmación tópica que pouco nos aporta, é fundamental. É a esencia do xornalismo: pluralidade e rigor. Desvalorizar a profesión de xornalismo é unha mala noticia para a democracia. Levamos varias décadas vendo como isto ocorre de xeito sistemático. A diferenza entre que triunfe unha noticia falsa e que se poida contrastar estriba en que existan medios de comunicación que se rexan pola honestidade informativa. Incluso por explicitar desde que punto de vista ou perspectiva se está a informar; mais non intentar disfrazar de neutralidade o que é unha visión parcial e de parte. 

Seguindo a vella premisa marxista de que a sociedade establece as contradicións que será quen de resolver, as redes sociais e internet supoñen un espazo que combina a creación de mentiras ou falsas informacións, fake news, cun espazo de coñecemento da realidade. Son unha fiestra para que poidamos horrorizarnos co xenocidio que comente Israel en Gaza, por exemplo; a pesar do control dos novos señores feudais da tecnoloxía, tipo Elon Musk. Son a oportunidade para moitas e moitos xornalistas que coñecen ben o oficio e saben da importancia da información para un mundo máis xusto.

Nunca antes tres segundos me indignaran tanto, quen nos rouba a información só pode ter medo de que coñecela o debilite. Erra. Xa sabemos como remata Ciudadano Kane. Só, na súa burbulla.

Comentarios