Opinión

Santiago de Albá

Hai lugares no noso país que nunca serán cativos de espírito, aínda que ocupen pouca superficie nos mapas ou carezan de efemérides turísticas que celebrar. Pois o seu valor está máis alá dos grandes fastos e dos eventos espectaculares, para convertérense en algo moito máis transcendente: en depositarios da memoria colectiva, do noso ser máis profundo, con orgullo e sen falsos adobíos, porque elas e eles Son d’aldea, e queren seguir a selo, non como arqueoloxía saudosa, senón como comunidade que procura albiscar os vieiros do futuro.

Un deses lugares é a parroquia de Santiago de Albá, na comarca da Ulloa, concello de Palas de Rei. Pois, alí, desde o ano 2011, cada primeira fin de semana de setembro, vense celebrando o encontro Son d’Aldea, concibido como unhas xornadas de recoñecemento e posta en valor do mundo rural, a través dun conxunto de actividades que, co entusiasmo e a participación activa da veciñanza, constitúen un manifesto reivindicativo a prol da vida no rural, entendida non como sulfato de melancolía, senón como arela de porvir, para mantermos vivas as raíces antropolóxicas e culturais que nos definen como pobo, adaptadas as necesidades e retos do século XXI.

Un deses lugares é a parroquia de Santiago de Albá, na comarca da Ulloa, concello de Palas de Rei

Pero aínda que estas palabras pretendan aproximarse a unha descrición obxectiva do que
acontece en Son d’aldea, nada pode explicar a vivencia do acto, a simbiose que se establece
entre memoria e linguaxe a través do espectáculo teatral onde as propias veciñas e veciños de Albá interpretan diversos roles da vida rural a mediados do século pasado, recreando dicires e oficios, ritos e tradicións, sempre desde unha autenticidade que nace do respecto, e non da farsa dun galeguismo de esconxuros de queimada.

Son d’aldea representa, pois, un punto de encontro para a reflexión colectiva sobre o que
entendemos a día de hoxe por identidade, sobre esa herdanza cultural e lingüística que
arrombamos no faiado da memoria, mentres a xente moderna dedica o tempo a cazar
Pokemons, conxelar o pan e plantar eucaliptos. Representa unha festa sen mesa de autoridades, onde ocupan un espazo preferente a agricultura ecolóxica, os oficios artesanais e os debates intelectuais sobre a problemática do mundo rural no contexto da globalización.

Son d’aldea representa, pois, un punto de encontro para a reflexión colectiva sobre o que
entendemos a día de hoxe por identidade

Por iso, porque aínda son posibles a emoción e a sensibilidade cando escoitamos falar da aldea, quero que conste por escrito o agradecemento daquel@s que tivemos a sorte de descubrir o labor entusiasta da Asociación Cultural e de Veciños O Parzamique, a hospitalidade da granxa Arqueixal e, por suposto, o esforzo creativo do grupo de Teatro Metátase. Sen elas e eles, este soño seguiría a ser unha utopía.

E que fique na vosa memoria o nome de Santiago de Albá, ou dito doutro xeito, da parroquia
onde a xente do común pon voz á dignidade e viste de domingo a fala.

Comentarios