Opinión

Corpos estraños (III)

1.    Só viaxa quen acepta o extravío.

1. Só viaxa quen acepta o extravío.

2. Toda viaxe comeza cando os mapas soñan camiños inexplorados.

3. As viaxes da imaxinación nunca facturan maletas.

4. Un bo mapa axuda a perderse axiña, non a chegar ao punto exacto.

5. O turista é o personaxe principal do catálogo de viaxes.

6. Axencias de viaxes, turistas en serie.

7. As praias serían perfectas se non estivesen cheas de areas.

8. Quen viaxa lonxe, non mete os costumes na maleta.

9. As linguas que non comprendo,  permítenme soñar no meu idioma.

10. Raiolas de sol entre a follaxe das carballeiras: a Idade de Ouro no Courel.

11. Civilización: limpar os pelos do prato da ducha.

12. Civilización: mexar sentados, tamén os homes.

13. @s docentes de literatura que xa non atopan tempo para ler son fontes que estiñan.

14. Debería estar penalizado apropiarse da razón absoluta.

15. Non me colle tanto ruído na cachola!

16. Que burro cando berro!

17. A beleza nunca anda a berros polas rúas.

18. O silencio é un oasis fóra do deserto.

19. A madalena de Proust: un pastel de Phoskitos.