Opinión

Carta aberta para dous amigos de //ABANCA

Queridos Juan Carlos e Francisco:

Permitan que lles devolva, con toda a consideración que lles profeso en calidade de directivos de //ABANCA, o agarimoso saúdo que tiveron a ben realizar a través de envío epistolar, manifestándome unha declaración de afecto tan sentida e individualizada, que me fixeron dubidar de se eu era merecente de tal grao de familiaridade, dado que non temos o gusto de nos coñecer en persoa, nin tampouco sei se podo devolver a confianza que depositan nun individuo coma min, docente sen oficio nin beneficio, pois non posúo máis patrimonio que unha nómina a fin de mes e unha vivenda (digna) aínda hipotecada.

Queridos Juan Carlos e Francisco:

Permitan que lles devolva, con toda a consideración que lles profeso en calidade de directivos de //ABANCA, o agarimoso saúdo que tiveron a ben realizar a través de envío epistolar, manifestándome unha declaración de afecto tan sentida e individualizada, que me fixeron dubidar de se eu era merecente de tal grao de familiaridade, dado que non temos o gusto de nos coñecer en persoa, nin tampouco sei se podo devolver a confianza que depositan nun individuo coma min, docente sen oficio nin beneficio, pois non posúo máis patrimonio que unha nómina a fin de mes e unha vivenda (digna) aínda hipotecada.

"Esa frase que me fixo sentir bolboretas na barriga, cando declaran, con verbas limpas como unha patena, que “todo lo haremos con la persona más importante para nosotros. Usted.”

Debo agradecerlles, por riba de todo, o seu esforzado intento de elevarme a autoestima, primeiro, a través dun saúdo inicial conmovedor (“Querido Carlos”) e, segundo, mediante esa frase que me fixo sentir bolboretas na barriga, cando declaran, con verbas limpas como unha patena, que “todo lo haremos con la persona más importante para nosotros. Usted.” (E chegados a este punto da misiva, que difícil resulta conter as bágoas!).

E por se isto non fose razón abonda para caer rendido ante a elocuencia do seu discurso, queridos Juan Carlos e Francisco (ou se así o prefiren, Escotet e Botas), vostedes declaran, en prístino dialecto cervantino, que no labor profesional de Banesco Grupo Internacional “se respetará siempre el sentir común de la gente de esta tierra”.

Logo de ler esta frase unha chea de veces, para profundar no seu sentido, xa non puiden seguir adiante, embargado por unha estraña axitación interior. Pousei o papel sobre a mesa da cociña, húmido e engurrado, como un testemuño afectivo que nunca esquecerei nos días que me resten de vida. Un documento de valor, como unha carta de América ou un álbum de cromos da infancia.

"Non fun quen de descifrar con total certeza, queridos amigos Juan Carlos e Francisco, que entenden ambos os dous “por el sentir común de la gente de esta tierra”. 

E aínda agora, no momento de redactar este discurso que non sabe estar á altura da retórica emocional dos banqueiros modernos, non fun quen de descifrar con total certeza, queridos amigos Juan Carlos e Francisco, que entenden ambos os dous “por el sentir común de la gente de esta tierra”. 

Porque, señores Escotet e Botas, se vostedes apelan, “desde la cercanía y la sencillez”, a un Sentir Común da xente desta Terra (e aquí desculpen que lles corrixa unha letra e lles coloque unha maiúscula sen importancia), non esqueceron un mínimo detalle de cortesía polo camiño? Ou é que esa fulgurante campaña publicitaria de lanzamento, con logos e textos en lingua galega, foi fume de palla e nada máis?

E non puideron ter cavilado, desde o seu arrebatado amor por Galicia, que non hai maior proba de achegamento ao corazón dun (ou dunha) cliente que ofrecerlle a posibilidade de escoller a lingua propia do seu país como ferramenta comunicativa?

"E non puideron ter cavilado, desde o seu arrebatado amor por Galicia, que non hai maior proba de achegamento ao corazón dun (ou dunha) cliente que ofrecerlle a posibilidade de escoller a lingua propia do seu país como ferramenta comunicativa?" 

Acaso non se decataron de que o seu “querido Carlos” (ou Carme, que tamén é cliente de vostedes, e que non mereceu ser citada nin unha soa vez en tan emotiva carta, aínda que ela figura como primeira titular da conta de //ABANCA que temos en común) quizais aceptase mellor o seu discurso se o recibise na lingua da súa escolla, e non na que vostedes lle impoñen por defecto?

Mais non se apuren. A amizade entre vostedes e un servidor, máis alá de calquera continxencia ou malentendido, está asegurada, pois todos sabemos o difícil que resulta conseguir amigos verdadeiros nesta vida, deses que che prestan os cartos desinteresadamente, sabendo que nunca seremos estafados por profesionais que se dirixen a nós no idioma exclusivo dos negocios, que, polo que se ve, só pode ser o español, pois o galego só vale para levar as contas da casa.

Por iso, queridos amigos de //ABANCA, grazas por vos lembrar deste humilde servidor, pois a vosa epístola, tan agarimosa, fíxome comprender ás mil marabillas o verdadeiro espírito do voso Sentir Común: aquel que exclúe unha lingua desde o primeiro contacto co cliente e, o que é peor, aquel que esquece a existencia dunha compañeira de número de conta que eu considero compañeira de viaxe pola vida.

Comentarios